Skip to main content

Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos citan en Lugo 600 estudantes os días 7 e 8 de marzo

Foi no marco dunha sesión na que tamén participaron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Gerardo Criado Guizán; o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, e o vicepresidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas, Bruno López Molina.

O campionato galego universitario de deportes colectivos, un certame que recala por cuarta vez na capital luguesa, constitúe, segundo subliñou o reitor da USC, “unha oportunidade excepcional para que deportistas de elite compitan e compartan experiencias con outros deportistas afeccionados”. Trátase tamén dun certame a través do que a USC fai visible a súa “decidida aposta polo deporte”, engadiu Antonio López.

Agradecido pola colaboración institucional recibida, sen a que a resultaría imposible a celebración deste torneo deportivo, Antonio López aproveitou a presencia na sesión de directivos das diferentes federacións deportivas, así como de numerosos clubs e entidades deportivas de diversas disciplinas, para facer pública a súa gratitude pola boa acollida que están a ter os clubs da provincia de Lugo e de toda Galicia, nun plano máis amplo, respecto da aposta pola deporte que está a facer a USC. “Gran parte deste éxito é froito do labor que está a realizar Javier Rico, logo do seu nomeamento como delegado da USC para o deporte”, precisou López, quen tamén se referiu ao apoio recibido da Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, así como doutras empresas como Coca Cola e Grupo Leite Río, como “unha axuda imprescindible para a celebración dos XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos na sede universitaria luguesa”.

Impacto e proxección

Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos terán un impacto directo na vida da capital luguesa durante os días 7 e 8 de marzo, e servirán tamén para que a mocidade procedente doutras provincias e doutras universidades galegas coñeza os servizos e as potencialidades do Campus de Lugo e da cidade, dixo Antonio López, para, de seguido, engadir que “desta cita sairán os equipos e deportistas e representen Galicia na próxima edición dos campionatos nacionais”.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, abundou tamén o importante cometido de proxección social que ten a celebración deste evento deportivo na cidade amurallada, xa que permitirá proxectar Lugo entre a mocidade galega e de fóra de Galicia, dixo. Alén desta consideración, Méndez fixo fincapé na conveniencia deste tipo de torneos para o público máis cativo teña referentes próximos na parcela deportiva, unha realidade que “en Lugo temos ben cuberta coa presenza de clubs, equipos e deportistas de moi distintas disciplinas que compiten ao máis alto nivel”.

A importancia da transmisión á vida real dos valores asociados ao deporte, as experiencias e convivencia e incluso a aprendizaxe da xestión das emocións foron outras das cuestións destacadas polo xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo e o vicepresidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas, nas súas respectivas intervencións.

Competición

As competicións das distintas disciplinas deportivas comezarán o día 7 de marzo, a partir das 10.00 horas, en diversas instalacións deportivas da capital luguesa, como son o Pazo Provincial, o pavillón do Seminario, a Casa do Deporte, o polideportivo do Palomar e o pavillón municipal, as pistas polideportivas Gregorio Pérez Rivera ou os campos de fútbol municipais de As Gándaras. A competición rexerase polo formato dunha liga entre os tres equipos que representan cada unha das tres universidades galegas. Ao remate de cada xornada de competición, o auditorio de Veterinaria acollerá os días 7 e 8, a partir das 16.00 horas, a entrega de medallas e trofeos aos participantes.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)