Skip to main content

Un equipo de investigadoras da UDC publica o primeiro estudo sobre ecosistemas de innovación social en España

Trátase do principal resultado dun proxecto de investigación realizado para a Plataforma de ONG de Acción Social grazas ao financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 en colaboración con Fresno Servicios Sociais.

O estudo consta de dúas partes diferenciadas. En primeiro lugar, o “estado da arte” en canto ás tendencias e os retos do terceiro sector de acción social en España en perspectiva internacional, especialmente europea. En segundo lugar, tres casos prácticos nos que se analizan as contribucións do terceiro sector á construción de ecosistemas de innovación social en colaboración con empresas, administracións públicas e sociedade civil. Cada caso está dedicado a unha temática diferenciada como innovación social de base tecnolóxica en apoio á vida independente, ecosistemas de emprego inclusivo e servizos circulares e canalización e capacitación do talento dixital da cidadanía.

Para cada unha das temáticas analízase o contorno específico, mapéanse os actores que participan no ecosistema e as súas interaccións, identifícanse e analizan as respostas do terceiro sector máis innovadoras, propóñense vías para aproveitar oportunidades e mitigar riscos e apúntanse liñas de acción para unha nova axenda social en España.

Tanto o libro como o resumo executivo conxunto poden descargarse no apartado de “Barómetro do Terceiro Sector de Acción Social” da web da Plataforma de ONG de Acción Social: https://www.plataformaong.org/barometro-2022-tercer-sector.php
Universidade da Coruña