Skip to main content

Comeza en Lisboa o proxecto iRead4Skills, a nova aposta da Unión Europea con participación galega para alfabetizar a poboación adulta

A iniciativa, promovida a través dun consorcio liderado pola Universidade Nova de Lisboa, e que acaba de celebrar na capital portuguesa a súa reunión de lanzamento, conta con socios de catro países (Portugal, España. Bélxica e Luxemburgo) e está financiada pola Unión Europea con preto de 2,7 millóns de euros, grazas ao programa marco de axudas ‘Horizon Europe’.

Mellorar a capacitación desde a comprensión lectora

iRead4Skills avaliará as capacidades de lectura das persoas adultas con baixo nivel de alfabetización e desenvolverá ferramentas para tentar mellorar estas habilidades. Non obstante, o obxectivo do proxecto é aínda máis ambicioso. “Aínda que a atención céntrase nas competencias lectoras, cremos que reducir os problemas identificados neste ámbito será fundamental para que as persoas desenvolvan e melloren outras competencias transversais, como a comunicación ou a capacidade para resolver problemas”, afirma o investigador da USC Marcos García.

Ao longo de iRead4Skills identificarase e supervisarase a relación entre a mellora das competencias lectoras e outras, como é o caso das competencias fundamentais (aritmética ou TIC); transversais (técnicas de comunicación, traballo en equipo, linguas estranxeiras, trato co cliente, resolución de problemas, ou planificación, entre outras); e mesmo de distintas competencias xenéricas como a motivación, a cidadanía ou o benestar.

O proxecto fornecerá, ademais, un sistema de lectura intelixente para avaliar a complexidade dos textos e suxerir lecturas adecuadas en función do nivel de alfabetización de cada persoa. Este sistema empregarase tamén para axudar as persoas encargadas de formar e producir os textos á hora de crear ou adaptar textos co nivel de complexidade adecuado en relación cos lectores aos que van dirixidos. “Dende o CiTIUS centrarémonos na parte de análise lingüística e tratamento de textos”, afirma Marcos García. “Por unha banda, colaboraremos na definición de niveis de complexidade lingüística e lexibilidade; por outro, desenvolveremos ferramentas computacionis baseadas en Procesamento de Linguaxe Natural, para a identificación e clasificación automática destes niveis”, engade.

O investigador Ramón y Cajal destaca tamén a variante multilingüística. “A nosa contribución a este proxecto permitiranos traballar tanto en portugués como en español, así como colaborar cos equipos dentro do proxecto que se centrarán na análise e procesamento de textos en francés”, explica.

Finalmente, iRead4Skills promoverá distintas iniciativas innovadoras no modo co que os adultos con baixo nivel de alfabetización adquiren e manteñen competencias transversais e duradeiras, promovendo que estes avances sexan axeitados para as necesidades sempre cambiantes do mercado laboral. Con este propósito, desenvolverase e porase en funcionamento un sistema de acceso aberto que permita unha formación e desenvolvemento de competencias avanzadas con medios dixitais, que estará dispoñible tanto para o alumnado como para o persoal encargado de exercer a docencia.

Maior capacidade, maior integración

A capacidade de lectura é fundamental para adquirir coñecementos técnicos e científicos, xa sexa en contextos de educación e formación formais, como a Aprendizaxe de Adulto, ou ben en contextos de traballo prácticos e empíricos, como cando as empresas proporcionan por escrito información ou instrucións específicas aos seus traballadores. As persoas cun baixo nivel de alfabetización son menos capaces de adquirir e manter as competencias transversais e duradeiras necesarias para seguir o ritmo dos cambios do mercado laboral e levar unha vida plena e con sentido.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)