Skip to main content

A Primavera Cultural da USC aposta por propostas artísticas emerxentes que conecten co estudantado

Deste xeito, quere dárselle unha maior visibilidade á programación cultural da USC entre o alumnado, conscientes de que “a cultura é ferramenta esencial no proceso de formación transversal”, explica a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias.

Os concertos de Grande Amore, en Santiago de Compostela, e das Fillas de Cassandra, en Lugo, o vindeiro xoves 30 de marzo, son tan só un exemplo do novo pulo que dende a USC se lle está a dar a propostas, neste caso musicais, que conectan co público máis novo. “Reflexión, crítica, busca de respostas, todo iso é o que pretendemos a través desta Primavera Cultural. Queremos plasmar a través das iniciativas artísticas o que lle preocupa á sociedade de hoxe”, apunta Pilar Murias. “Os e as artistas emerxentes afrontan moitas das cuestións actuais que tamén preocupan ao noso estudantado, cunha linguaxe (musical, plástica, audiovisual…) moi próxima a eles. Por iso queremos aumentar a súa participación na programación cultural da USC e empezamos a facelo nesta Primavera Cultural”, engade en relación a este programa que aspira a ter continuidade e converterse nun futuro Outono Cultural.

Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran, entre outras, a programación desta Primavera Cultural na que tamén se enmarcan as Faíscas Culturais, unha iniciativa que botou a andar a finais do ano pasado e co que a USC introduce, nas clases de diversas materias, proxectos artístico-pedagóxicos que serven de ancoraxe para a reflexión e o debate. “Queremos conectar o que facemos no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas”, explica Pilar Murias á hora de definir este proxecto que se sitúa na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística.

Cultura participativa

De xeito paralelo á Primavera Cultural, estanse a desenvolver nos diferentes centros da USC as actividades impulsadas ao abeiro das Axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos de dinamización físico-deportiva e cultural, impulsadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura. Pilar Murias subliña que a vocación desta convocatoria é “facer grupo”, así como dar pulo a unha “cultura participativa”. “Estamos moi ilusionados por fomentar unha mecánica de participación tan directa co alumnado”, explica en relación a este programa inédito no seo da Universidade xa que a xestión das actividades corre a cargo do propio estudantado, que non só ten a oportunidade de acudir a algo que é do seu interese, senón tamén “tomar a responsabilidade” da súa organización.

Facultades, escolas, calquera residencia ou colexio maior da USC, así como o Consello do Estudantado tiveron a oportunidade de propoñer e solicitar o apoio económico da Vicerreitoría para desenvolver actividades de dinamización de carácter físico-deportivo ou cultural. Ademais, cada proxecto presentado tivo que contar cun mínimo de avais de estudantes, garantía de que fose unha iniciativa que realmente estivese en consonancia cos intereses do alumnado.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)