Skip to main content

Unha conferencia da secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela, abre a Semana Internacional da UDC

O reitor da UDC, Julio Abalde, e a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, inauguraron unha semana de actividades que terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación, coa clausura o venres, 31, na Reitoría, ás 12:30 horas.

O obxectivo da Semana Internacional, que a UDC acolle na súa integridade por primeira vez, é potenciar as actividades de internacionalización en casa para toda a comunidade universitaria. No transcurso da Semana Internacional da UDC, expertos de diversos campos e autoridades internacionais ofrecerán distintas perspectivas sobre as súas áreas de especialización. Todos os participantes terán a oportunidade de debater sobre futuras colaboracións e proxectos conxuntos cos colegas anfitrións. Os principais temas de debate irán desde a cooperación transnacional, as dobres titulacións, a formación para a internacionalización no país e no estranxeiro ata as competencias interculturais, pasando polas políticas da UE para as institucións de educación superior.

Asiste persoal universitario de Albania, Arxelia, Bosnia e Herzegovina, Brasil, Bulgaria, Croacia, República Checa, Exipto, Georgia, Alemaña, Lituania, Montenegro, Macedonia do Norte, Panamá, Polonia, Portugal, Moldavia, Rumania, Eslovaquia e Turquía.

Ademais de conferencias e obradoiros, a UDC organiza actos culturais como o concerto do grupo Arredores, que terá lugar mañá, martes, 28 de marzo, de 17:30 a 18:30 horas, no Paraninfo da Reitoría (A Maestranza), nunha actividade musical aberta ao público.

Así mesmo, está prevista unha visita ao Campus de Ferrol o mércores, 29 de marzo de 12:00 a 18:00 horas para coñecer o Campus Industrial, e un Festival de linguas e gastronomía, o xoves, 30 de marzo, na Facultade de Dereito, de 12:00 a 14:00 horas con concurso de sobremesas incluído.
Universidade da Coruña