Skip to main content

Mostras, certames, perspectiva de xénero e lingua galega agromaron na 'primavera das Matemáticas' da USC

Todas elas serviron para poñer o foco nesta efeméride que se celebra dende que o 26 de novembro de 2019, na súa 40ª Conferencia Xeral, a UNESCO proclamou o 14 de marzo como o Día Internacional das Matemáticas, a proposta da Unión Matemática Internacional (IMU).

O acto deste venres, a modo de clausura, serviu para dar a coñecer este novo modelo, desenvolto dende a División Educativa CASIO, deseñado por e para docentes, e que atende ás melloras solicitadas polos usuarios, ofrecendo unha calculadora científica máis intuitiva e sostible. O acto tamén serviu para anunciar a incorporación da imaxe da galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platforms), á colección de calculadoras #científicasCASIO, da que forman parte grandes nomes da historia como Ada Lovelace ou Marie Curie. Deste xeito, o novo modelo de ClassWizz xa está dispoñible tamén coa ilustración da enxeñeira lucense, obra da artista galega Lula Goce.

Esta colección, realizada en colaboración con 13 ilustradoras que decoraron as calculadoras ClassWiz coa imaxe de distintas científicas, pretende ser unha homenaxe ao significativo traballo da muller neste campo, explicou a decana do centro, Elena Vázquez Cendón. “Esta é unha primavera das Matemáticas”, sinalou para despois poñer o foco na importancia de ter unha calculadora “que fala e fai”, en relación ao uso do galego. A decana cualificou o acto como “un broche de ouro” para o mes das Matemáticas e subliñou a importancia da implicación do alumnado e da proxección social que este programa de actividades supuxo para as Matemáticas.

Xunto a ela, participaron na sesión o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; François Vilaprinyó, director xeral de Casio en España; Julio R. Taboada, presidente da Asociación Galega de Profesores de Matemáticas (AGAPEMA); Cristina Naya, doutora en Matemáticas pola USC; Ana Freire, doutora e enxeñeira en Informática; e Eloy Bernal, responsable de comunicación da División Educativa de Casio España.

Concurso

A Asociación Nacional de Estudantes de Matemáticas (ANEM) en colaboración con diferentes Universidades españolas, entre as que se atopa a USC, organizou un concurso con motivo da celebración do Día Internacional das Matemáticas, o 14 de marzo. O certame constou de tres probas a desenvolver por equipos formados por estudantes de grao, mestrado e doutoramento relacionados coas Matemáticas, Estatística e Ciencia de Datos. As tres probas foron Cálculo Mental, Trivia Matemático e Olimpíada.

Na Facultade de Matemáticas da USC anotáronse sete equipos que competiron contra un centenar de grupos das demais universidades colaboradoras para optar a varios premios relacionados coas Matemáticas. Os resultados definitivos do concurso serán publicados nas vindeiras semanas.

Xeometría natural

Un ducia de fotografías que descobren na natureza elementos xeométricos, simetrías e outros conceptos matemáticos integran a mostra ‘Xeometría Natural’, que permanece aberta ao público ata o vindeiro 5 de abril no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. Inmaculada Gutiérrez, Pilar Moreno, Leopoldo Martínez e Lucía Morales son as persoas autoras das imaxes que poderán ser visitadas de balde entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Os textos integrados nesta exposición, promovida pola Facultade de Matemáticas da USC, foron escritos por Pedro Alegría, Raúl Ibáñez e Marta Macho; mentres que Carla Garrido encargouse da maquetación. As locucións son obra de César Goldi (voz) e Juanjo Fernández (gravación e efectos sonoros).

Esta mostra foi elaborada para o proxecto ‘Marzo mes das matemáticas’ pola Rede de Divulgación Matemática DiMa e patrocinada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). A coordinadora do Nodo de Galicia do proxecto, María Elena Vázquez Abal, destacou que todos os contidos xerados no proxecto están a disposición na súa web en acceso aberto e en todas as linguas cooficiais da contorna estatal.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)