Skip to main content

Galicia integra o rexeitamento do Plan de Reestructuración do Sector Lácteo por parte das comunidades autónomas

Este proxecto do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación non foi aprobado en vista da falta de consenso, xa que todas as Comunidades Autónomas menos Cantabria e Asturias presentaron alegacións, entre as que se encontran as do conselleiro Santiso Miramontes que fixo patente a súa disconformidade.

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural esixiu o incremento do límite (na actualidade o 45%) para a adquisición de cota do Fondo Nacional para as explotacións do primeiro tramo, as de menos de 177.000 Kg de cota, tendo en conta que máis do 70% das explotacións españolas están por debaixo desa cantidade, sendo Galicia a Comunidade que máis explotacións ten deste tipo. Isto prexudicaría principalmente ás explotacións familiares, ao mantenemento da poboación no territorio e á viabilidade das zonas de vocación produtiva con condicións máis favorables para a produción de leite.

Ademais, Santiso Miramontes pediu que se manteña a cota láctea da que dispón Galicia na actualidade, o 32% da cota nacional, feito que considera difícil se, como dixo a ministra Elena Espinosa, no reparto se inclúen todas as explotacións do Estado. Con anterioridade o presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural demandaran 500.000 toneladas de cota para Galicia, que á vista da actual proposta é unha demanda que non vai ser satisfeita.

De tódolos xeitos a Consellería, manifestando o seu inicial rexeitamento, estudará as modificacións que se puideran facer ante a actual falta de consenso para a aprobación do Plan, poñendo especial atención no beneficio dos produtores máis pequenos.

TASA LÁCTEA

José Antonio Santiso Miramontes tamén manifestou o proxecto de Real Decreto polo que se regula o réxime da tasa láctea, que se basea nun sistema de dous compensacións, o que favorece, fundamentalmente, aos grandes compradores con domicilio fóra de Galicia e que compran menos do 30% da leite da Comunidade Autónoma a menos do 33% dos gandeiros galegos e prexudica a pequenos primeiros compradores e cooperativas de Galicia. Deste xeito, foméntase a competencia desleal entre grandes e pequenos compradores na compra de leite en función da oferta dunha compensación máis favorable se se vende a grandes empresas, xa que as grandes teñen máis posibilidades de compensarlle a sobre tasa aos seus produtores.

O titular de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural tamén aconsellou diminuír a porcentaxe do 80% a compensar no primeiro comprador aos seus produtores ata o 50%, para deixar unha marxe maior á segunda compensación, que é a que se realiza a nivel estatal polo FEGA cos excedentes do cota non compensados.

AXUDAS PARA COMPENSAR A SECA E AS XEADAS

Santiso Miramontes declarou trala Conferencia Sectorial que o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación tramitará axudas para paliar os danos causados pola seca e as xeadas, unhas achegas que están á espera da remisión por parte das Comunidades Autónomas da avaliación dos danos, unha indagación que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rual xa puxera en marcha fai un mes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia