Skip to main content

Acción Matemática contra a COVID confirma que o incremento das restricións reduciu a transmisión do virus nun 22% á semana

Os resultados sinalan que as medidas adoptadas en materia de distanciamento social e restauración son especialmente eficaces, sobre todo en interiores, mentres que o efecto é menos evidente para outras, como as que afectan ao lecer e á cultura, aos lugares de culto, ás celebracións relixiosas ou á práctica deportiva en interiores. Non obstante, o estudo subliña que o efecto obtido das medidas aplicadas nalgúns ámbitos fronte a outros debe interpretarse con cautela porque estas medidas foron tomadas xeralmente de forma simultánea.

A investigación conta coa participación dos investigadores do CITIC da UDC Ricardo Cao e Inés Barbeito que xunto con científicos do Instituto de Salud Carlos III, os Ministerios de Sanidad e Economía, as universidades da Coruña, Cádiz e a Complutense de Madrid, recolleu e analizou información sobre as medidas de restrición impostas en España desde o inicio da segunda onda da COVID (setembro de 2020) ata o final do estado de alarma (maio 2021).

Todo iso realizouse baixo o paraugas do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus do Comité Español de Matemáticas (CEMat), unha iniciativa creada para atopar solucións ante a crise sanitaria da COVID-19, achegando conclusións e recomendacións desde o ámbito das matemáticas. Precisamente, Ricardo Cao foi un dos investigadores que liderou esta iniciativa, froito de cuxa colaboración se subministraron previsións de demanda de recursos hospitalarios de gran utilidade para a xestión sanitaria nos momentos máis críticos e realizouse un estudo profundo sobre o impacto das medidas non farmacéuticas, cuxas conclusións se recollen agora na citada publicación científica.

Medir intensidade e ámbito

Os investigadores analizaron a intensidade das medidas, incluíndo datos a nivel provincial e municipal, de forma que crearon un índice de restrición que representase entre 0 e 1 a intensidade día a día nos diferentes ámbitos e cada unha das provincias. Os resultados obtidos apuntaron como especialmente efectivas as medidas tomadas en distancia social e restauración, sobre todo, en interiores.

Ademais, o equipo puxo toda a información recollida na web: https://npispain.org/, para estimular e facilitar a investigación dos efectos das medidas de restrición e poder ter maior coñecemento sobre o seu impacto, algo fundamental para enfrontar futuras situacións similares.

A iniciativa

A colaboración entre o Comité Español de Matemáticas, o Instituto de Salud Carlos III e o Ministerio de Sanidad xurdiu tras o ofrecemento por parte da comunidade matemática ás autoridades sanitarias nos momentos máis críticos da pandemia para poñer a súa disposición, de forma completamente desinteresada, as potentes ferramentas de simulación e análise de datos actualmente existentes e a capacidade de análise e modelización dos grupos de investigación en Matemáticas para avanzar na comprensión da COVID-19.

Para a comunidade matemática, representada polo Comité Español de Matemáticas, a experiencia foi moi positiva. Espérase que teña unha proxección en futuras colaboracións e na sensibilización do persoal investigador en Ciencias da Saúde sobre o enorme potencial que teñen as Matemáticas para avanzar na comprensión de fenómenos complexos que constitúen algúns dos principais desafíos da investigación en materia de saúde.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está financiado pola Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as universidades galegas para o reforzo dos centros de investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS).

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Universidade da Coruña