Skip to main content

O Servizo de Gardacostas incauta máis de 1.300 artes e aparellos pesqueiros nas rías galegas

O persoal do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos levou a cabo durante a pasada fin de semana un intenso operativo de inspección e vixilancia pesqueira ó longo de toda a costa galega, que tivo como resultado a incautación de 1.309 artes e aparellos pesqueiros. Nas súas intervencións, os gardacostas comisaron máis de 200 quilos de especies que foron devoltos ao mar.

Máis de 500 cacharros de polbo incautados na Ría de Muros e Noia.-

A zona de Caveiro, na Ría de Muros e Noia, foi o escenario de dous dos
operativos máis salientables desta fin de semana. Os membros da Consellería
de Pesca incautaron 501 cacharros de polbo ao estaren calados sen
identificar e incumprir o descanso semanal obrigatorio. As artes contiñan
máis de 30 quilos de especies que os gardacostas devolveron ao mar no lugar
dos feitos. Tamén na mesma ría, na zona de Monte Louro, os axentes
fixéronse cunha cacea con 20 nasas de polbo. Froito destas actuacións
levantáronse un total de 6 actas.

Por outra banda, membros da Unidade Operativa de Vigo, a bordo da
embarcación Valentín Paz Andrade, incautaron en Oia 100 cacharros de polbo
calados sen balizamento nin identificación algunha. Respecto ao emprego
desta arte non autorizada, cómpre lembrar que a simple tenza de cacharros
de polbo a bordo das embarcacións está tipificada como infración grave na
actual Lei 8/2004, do 30 de xuño, de protección, control, infracións e
sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia.

Outras actuacións en Fisterra e Arousa.-

Os axentes do Servizo de Gardacostas desenrolaron outros operativos de
vixilancia pesqueira no Cabo de Fisterra e na Ría de Arousa. No primeiro
caso, os gardacostas, que viaxaban a bordo da IP 700 Paio Gómez Chariño,
incautaron 610 nasas de polbo e un palangre carentes de identificación e
balizamento. Os aparellos contiñan 121 quilos de polbo, nécoras e peixe
variado. Tras devolver as especies ao mar os axentes levantaron 5 actas de
inspeción.

Outra das actuacións tivo lugar nos Lombos do Ulla, na Ría de Arousa. O
persoal da Unidade Operativa de Vilaxoán comisou unha cacea de 20 butróns
calados ilegalmente con 30 quilos de choco no seu interior. Ademais, na
ensenada do Grove, a mesma Unidade Operativa incautouse de catro pezas de
miños sen identificar e dúas pezas de trasmallos que incumprían o descanso
semanal obrigatorio. Froito deste operativo levantáronse dúas actas e
devolvéronse ao mar 17 quilos de choco e tres de peixe.

Os Gardacostas de Galicia desenrolaron unha última actuación en Vigo, na
zona de Cabo Estai. Nela os axentes comisaron 50 nasas de polbo que, unha
vez máis, se atopaban caladas sen balizamento, identificación e
incumprindo o descanso semanal.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia