Skip to main content

O Festival Resis pecha a súa sexta edición esta semana cunha ampla proposta musical

A cita estará a cargo da Sinfonietta da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), a entidade musical súmase así a unha nova edición do Festival RESIS.

O concerto, baixo a dirección de José Trigueros, propón dúas obras: Ramifications, do compositor György Ligeti a quen o Festival RESIS homenaxea no seu centenario; e Só hai horizonte, peza de Juan Vara e Manuel del Río que dá nome ao concerto e que se estrea a nivel mundial. As entradas ao concerto son gratuítas ata completar o aforo.

Concerto Plasma froito das Residencias Artísticas do Gaiás

Doutra banda, o xoves 4 de maio, presentarase o concerto Plasma, froito do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, REGA 23, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura. A cita será ás 20.00 en Studio Follow, no polígono da Grela, e as invitacións poderán recollerse gratuitamente en ataquilla.com ou no kiosco da praza de Ourense.

A obra recolle as ideas da vangarda da música académica europea cos últimos avances tecnolóxicos, propoñendo un espazo para o diálogo e o pensamento crítico ao redor das dinámicas de crecemento e o desenvolvemento técnico na nosa realidade contemporánea. Plasma poderá tamén visitarse en formato de instalación de realidade virtual no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura na fin de semana do 13 e 14 de maio.

Próximas citas o sábado 6 de maio

O programa desta última semana do Festival RESIS 2023 complétase o sábado, 6 de maio, co concerto A Proxección Sonora II. Este evento, que será ás 13.00 no museo MUNCYT e cuxas invitacións deben recollerse en ataquilla.com ou no kiosco da praza de Ourense, involucra á comunidade xorda no concerto.

O Festival RESIS 2023 clausurarase co concerto Gran Torso V, a cargo de Quatuor Diotima, un dos cuartetos de corda máis recoñecidos a nivel internacional. O seu concerto será o sábado 6 de maio ás 21.00 na igrexa de Santiago. As invitacións deben recollerse en ataquilla.com ou no kiosco da praza de Ourense.

Baixo o patrocinio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o INAEM, o RESIS consolida o seu éxito cada ano entre o público, a crítica e os profesionais do ámbito coa súa aposta por un festival galego e internacional.
Festival Resis