Skip to main content

Un obradoiro internacional explorará no IGFAE a investigación en protonterapia

Durante os dous días, no Centro de Estudos Avanzados (CEA) do parque de Vista Alegre describiranse as claves científicas e tecnolóxicas arredor desta terapia. O comité organizador, composto por persoal do IGFAE, pretende do mesmo xeito, que a reunión impulse unha futura rede de traballo que implique o persoal e persoas usuarias das futuras instalacións.

A construción do Centro de Protonterapia permitirá que a poboación galega teña acceso a esta innovadora tecnoloxía médica. Con este tratamento conséguese reducir o dano causado pola radiación en tecidos sans, minimizando así os consecuentes efectos secundarios, grazas ao uso de protóns en vez de fotóns, que confiren á técnica unha maior precisión no tratamento de tumores.

Neste sentido, disciplinas aplicadas, como a Física médica, xogan un papel clave no futuro desenvolvemento deste Centro. A reunión que se celebra en Santiago contará coa presenza de expertas e expertos nos aspectos técnicos e de I+D+i das infraestruturas de protonterapia e na súa integración e aplicación no sistema sanitario, así como de representantes e persoal experto da área clínica.

Doenzas neurodexenerativas

Entre outros aspectos, a reunión remarcará a necesidade de dispoñer de espazos para a investigación científica dentro do propio Centro de Protonterapia para acadar a mellora continua no deseño da terapia sen obstaculizar a actividade cotiá na administración do tratamento a pacientes. Do mesmo xeito, describiranse as potenciais aplicacións da técnica en doenzas neurodexenerativas ata agora incurables, como o alzhéimer, o párkinson ou a enfermidade de Huntington.

A reunión, que xa confirmou máis de 50 asistentes, conta no comité organizador cos membros do IGFAE Antonio Fernández Prieto, Dolores Cortina Gil, José Benlliure Anaya, Pablo Cabanelas Eiras, Pablo Vázquez Regueiro e Iris García Rivas (que desenvolve actualmente o doutoramento industrial coa empresa Triple Alpha na USC).
Universidade de Santiago de Compostela (USC)