Skip to main content

Preto dun milleiro de participantes danse cita na Feira Virtual de Emprego da USC

Os e as interesadas poden rexistrarse na plataforma habilitada pola Feira e deixar os seus datos xunto cun currículo en formato pdf. A primeira das xornadas comezou co saúdo da vicerreitora de Estudantes e Servizos, Pilar Murias, quen deu a benvida, a través dun vídeo, a todas as persoas participantes.

Ao longo destas dúas xornadas as persoas rexistradas poderán, de 8.00 a 20.00 horas, presentar o seu currículo a ofertas de emprego, asistir ás charlas ofertadas na sección ‘Axenda de Conferencias’ con inscrición previa, conversar en liña coas empresas e coas orientadoras da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, ou acceder a múltiple información das entidades participantes (vídeos, ligazóns ou redes sociais, entre outros contidos).

“Na lapela de expositores, pode verse unha listaxe dos que están conectados e facendo clic en calquera deles, poderán atoparse os representantes desa entidade que están conectados e listos para conversar en liña tanto polo chat público como polo privado. As persoas usuarias poden ter varias conversacións ao mesmo tempo, compartir documentos e mesmo solicitarlles unha videochamada a través do videochat integrado da plataforma”, explican dende a organización da Feira.

Unha vez rematado o evento, aínda que xa non estará dispoñible a conversa en liña, seguirá aberto o acceso ás ofertas de traballo, así como a presentación do currículo ata o domingo 14. As dúbidas sobre a Feira poden dirixirse ao enderezo electrónico orientacion.laboral.santiago@usc.es
Universidade de Santiago de Compostela (USC)