Skip to main content

O programa Inspira STEAM cumpre un lustro fomentado vocacións e derrubando estereotipos de xénero

Deste xeito, a iniciativa que naceu na Universidade de Deusto en 2016 e comezou a desenvolverse en Galicia en 2018, cumpre o seu primeiro lustro superando xa os 2000 estudantes mentorizados.

O obxectivo deste programa é acabar con moitos dos motivos que fan que as mozas fuxan deste tipo de carreiras científicas e tecnolóxicas a través dun programa de sensibilización e mentorización para nenas e nenos. Ao longo de varias sesións de traballos dánselles a coñecer referentes femininos nestes eidos, desmontando estereotipos e amosándolles as saídas laborais destas titulacións a través da experiencia de mulleres próximas que si apostaron por estudar no eido STEAM e agora desenvolven a súa carreira profesional nestes campos. No acto deste venres no edificio Redeiras, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, lembraba que a porcentaxe de mulleres nas carreiras tecnolóxicas, tanto na UVigo como no panorama nacional, “apenas chega ao 25%”, unha cifra incluso inferior en graos como o de Enxeñaría Informática, “cun 12% de mozas, sendo a enxeñaría con menor proporción de mulleres”.

Por parte da Deputación de Pontevedra, asistiu ao acto a deputada de Novas Tecnoloxías e docente da EE Industrial da UVigo, Ana Mejías, que fixo fincapé en que “inspirar é impulsar, promover sentimentos ou o inicio do camiño cara a algo, e Inspira STEAM é impulsar o camiño cara o progreso, o futuro e a xustiza social. Porque a ciencia, a tecnoloxía e a cultura son as dos liñas paralelas que trazan esa senda. E as mulleres, o 50% da poboación do mundo, non poden quedar ao marxe desa realidade porque estaría incompleta”. A deputada amosou en nome da institución provincial “o enorme apoio e agradecemento” ás mentoras de institucións, empresas e centros educativos que participan no programa “e que teñen inspirado e seguirán inspirando a través do seu exemplo ás nenas e mozas para dirixir a súa formación e vida profesional cara este enorme campo de oportunidades para construír un futuro sostible e xusto”.

A edición máis multitudinaria

A vicerreitora Natalia Caparrini fixo balance da quinta edición, a máis numerosa de todas as que se celebraron ata agora, que contou coa participación de 632 estudantes, 199 deles de 1º da ESO (96 nenos e 103 nenas) e 433 de 6º de primaria (232 nenos e 201 nenas) procedentes de 14 centros educativos da provincia. No que se refire ao labor de mentorización, o programa contou coa colaboración de 46 persoas, 41 delas investigadoras e 5 investigadores, ademais de seis empresas comprometidas co proxecto. Do total das mentoras, 18 xa participaran en edicións anteriores e outras 28 foron novas incorporacións, o que asegura a remuda e a continuidade da iniciativa.

Na súa intervención, lembraba Caparrini que cando arrancou Inspira STEAM cinco anos atrás, fíxoo con 16 mentoras, 5 centros, 122 nenas e 116 nenos. As cifras foron crecendo curso a curso, implicando cada vez máis xente e institucións, algo que agradeceu tanto a mentoras, como a centos educativos, empresas e á Deputación de Pontevedra. Ademais tamén presentou a sexta edición, que se desenvolverá o vindeiro curso 2023/2024.

A visión das implicadas

No transcurso do acto presentouse tamén a serie audiovisual Queres ser unha muller STEAM? promovida pola Universidade de Vigo co apoio da Deputación de Pontevedra e, antes da entrega dos diplomas, celebrouse un posta en común das experiencias de mentoras do programa e representantes de centros e organizacións comprometidas co proxecto, como Susana Casal Mayo, directora de Persoas, Seguridade e Saúde no Traballo do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG; Vanesa Barros Alfonso, titora de 6º de primaria do CEIP Vicente Risco de Vigo e Olalla Nieto Faza e Jéssica Cecibel Arrobo Sarango, ambas mentoras Inspira STEAM no CEIP Vicente Risco. Todas eles coincidiron en subliñar a ilusión, paixón, entusiasmo e complicidade dos nenos e nenas que participaron no programa, que agardaban cos brazos abertos ás mentoras en cada sesión. Tamén destacaron a efectividade do proxecto, xa que os propios cativos e cativas recoñecían, como explicaba a docente Vanesa Barros, “ter eliminado estereotipos, sentirse motivados e motivadas e coñecer profesións que non sabían que existían e ás que se poden dedicar no futuro”. Por todo isto, todas elas se comprometeron a seguir traballando nesta iniciativa e a tratar de estendela.

A deputada provincial Ana Mejías e a vicerreitora Natalia Caparrini foron as encargadas de entregar os diplomas a mentoras, centros e entidades colaboradoras para pechar o acto.
Universidade de Vigo