Skip to main content

Ponte... nas ondas! lembra a Francisco Fernández del Riego

“Cando souben que o Día das Letras Galegas 2023 estaría dedicado a D. Francisco Fernández del Riego, recordei un encontro que tivemos con el no ano 2002 sendo eu profesora no IES Pino Manso do Porriño, para presentarlle Ponte...nas ondas! unha experiencia educativa na que viña participando desde había anos.

Comezaba a primavera e estábase a organizar a VIII edición, unha edición novidosa e importante porque marcou a liña de traballo posterior e un camiño de éxito que se viu recentemente recompensado co recoñecemento da UNESCO.

Iniciábase a aventura de traballar conxuntamente cos colegas portugueses o tema do Patrimonio Inmaterial, escolla que contribuíu a descubrir e divulgar de maneira signi ficativa o inmenso acervo cultural que nos define como pobo. A súa divulgación contribuiu tamén signi ficativamente a posta en marcha da Mostra da Oralidade galego-portuguesa e a que se promovera a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, a primeira impulsada desde centros educativos de dous países.

A nivel técnico, tamén a VIII edición sería importante pois as novas tecnoloxías, con internet á cabeza, empezaban a tecer as súas redes para facer chegar os programas e contidos de Ponte...nas ondas! por todos os países do mundo.

Así as cousas, e no contexto de solicitar colaboración a persoas da cultura galega e portuguesa, un día solicitamos entrevista con D. Paco del Riego, quen non dubidou en recibirnos.

Daquela tarde, recordo unha conversa afable, amena e entrañable. Non dubidou nin un momento en prestarnos a súa axuda, saber e apoio. Como conclusión, agasallounos cun texto no que resumiu o esencial da experiencia e entusiasmouse co proxecto no que viu un ilusionante traballo xermolo de futuro.

Así, a nosa consideración pola inmensa figura de D. Paco medrou en nós dado que un home sabio creu no esforzo de profesorado, rapazada e sociedade en xeral para tender unha ponte de comunicación entre aquén e alén Miño e para pór en valor o noso Patrimonio Inmaterial común.
Ponte… nas Ondas!