Skip to main content

12 especialistas internacionais en nanociencia participarán en Vigo na 2ª edición de The Thinking Institute

Entre eles, o químico Nicholas Kotov, recoñecido internacionalmente polos seus descubrimentos fundacionais no campo das nanoestruturas biomiméticas, quen proximamente será investido doutor honoris causa da Universidade de Vigo a proposta dos profesores Luis Liz Marzán e Miguel Correa Duarte, cos que colabora desde hai máis de 25 anos. A cita será do 7 ao 9 de xuño no edificio Miralles, baixo a dirección do catedrático Luis Liz Marzán e co apoio do Centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina, Cinbio.

Trátase de crear un espazo de difusión do coñecemento, intercambio de ideas e impulso de sinerxías e colaboracións internacionais en futuros proxectos de investigación. “Grazas a iniciativas internacionais como esta, promociónase o talento investigador, tanto do Cinbio como da Universidade de Vigo, a través do contacto con investigadoras e investigadores do máis alto nivel”, subliña o seu organizador, Luis Liz Marzán, quen insiste en que será un programa protagonizado pola nanociencia, incluíndo estudos fundamentais, novas técnicas de caracterización, e aplicacións nos eidos da biomedicina e a enerxía.

Será, ao seu xuízo, un programa protagonizado pola nanociencia, incluíndo estudos fundamentais, novas técnicas de caracterización e aplicacións nos eidos da biomedicina e a enerxía. “O obxectivo, un ano máis, é crear un foro de pensamento e debate científico que busca o intercambio de coñecemento, a creación e consolidación de redes de colaboración que poidan dar os seus froitos a medio e longo prazo”, destaca o director da iniciativa.

Especialistas en nanociencia, nanomedicina e nanoquímica

Nesta ocasión, o panel de relatores está formado, ademais de polo propio Nicholas Kotov (University of Michigan), por Catherine J.Murphy (University of Illinois); Maurizio Prato (CIC biomaGUNE e Universidade de Trieste); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Sara Bals (Universiteit Antwerpen); Joerg Lahann (University of Michigan); Francesco Stellacci (Ecole Polytechnique Fédérale de Lausanne); Michael Bedzyk (Northwestern University); o propio Luis Liz Marzán (CIC biomaGUNE e Universidade de Vigo), e tamén investigadores máis novos do Cinbio: Sara Núñez Sánchez, Lakshminarayana Polavarapu e Margarita Vázquez González. Son en total trece poñentes, expertos nos eidos da nanociencia, nanomedicina e nanoquímica. “Unha vez superada a pandemia da covid-19, a presente edición do Thinking Institute será 100% presencial, confirmando así o interese deste plantel de especialistas pola actividade do Cinbio e a Universidade de Vigo”, recalca o catedrático.

O congreso está dirixido a investigadoras e investigadores interesados nos nanomateriais e disciplinas relacionadas; tanto en etapa estudante como sénior. Cabe destacar, que o público asistente terá a oportunidade de conversar cos relatores invitados, xa que o formato inclúe tempos específicos para favorecer a interacción, coa finalidade de impulsar colaboracións internacionais.

En 2022 asistiron máis de medio cento de científicas e científicos

Para asistir ao congreso é necesaria a inscrición previa na páxina web do Cinbio, tendo prioridade o propio persoal do centro. Na primeira edición do encontro, celebrada no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais o 4 e 5 xullo do 2022, contouse coa participación de máis de medio cento de científicas e científicos.
Universidade de Vigo