Skip to main content

COGAMI detecta unha baixada nas contratacións a persoas con discapacidade durante este ano

Durante o ano pasado, o servizo de Emprego de COGAMI captou 549 ofertas remitidas polas empresas que concluíron coa contratación de 873 persoas realizadas a través deste servizo. Dende inicios deste ano a día de hoxe, rexistráronse 433 ofertas de emprego remitidas polas empresas, un 21% menos que repercutiu tamén no número de persoas contratadas, rexistrando unha baixada do 16%: no que vai de ano foron contratadas 730 persoas, 143 menos que no ano pasado por estas datas.

Segundo a coordinadora da área de Emprego, Mª Carmen Ínsua, esta diminución nas ofertas lanzadas polas empresas están relacionadas coa actual reforma laboral e a modificación nos contratos de traballo. Apunta Ínsua que, entre outros factores, “a modalidade fixo descontinua incrementou como alternativa á contratación temporal nas empresas, o que provoca que xurdan incompatibilidades á hora de acceder ás bonificacións á Seguridade Social, incluso no período de inactividade, que limitan as posibilidades de mellora con novas oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, xa que as empresas terían que agardar un tempo para acollerse a estas bonificacións”.

Un dos obxectivos da área de Emprego de COGAMI é sensibilizar ao empresariado para que incorpore persoas con discapacidade nos cadros de persoal das súas empresas. Segundo explica Ínsua “temos que rachar con falsos mitos relacionados coa discapacidade e sensibilizar para que se vexan as capacidades da persoa, poñan en valor o seu talento e ofrezan oportunidades”.

COGAMI conta dende o ano 1996 cun servizo de emprego no que traballan preto de 50 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego, sendo centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e autorizado como axencia de colocación. A día de hoxe, neste servizo hai inscritas como demandantes de emprego 17.614 persoas, todas elas cun certificado de discapacidade recoñecida do 33% como mínimo ou cun certificado de incapacidade laboral para profesión habitual que outorga a Seguridade Social. Durante este ano, esta base implementou 503 incorporacións.

Segundo datos extraídos por COGAMI, o perfil destas persoas apuntadas na bolsa de emprego sería: home (57%) cunha franxa de idade comprendida entre os 36 e 55 anos (63%), que vive nun concello de ámbito rural (63%) e con estudos primarios realizados (56%). “A franxa de idade que manexamos pode repercutir tamén negativamente cara á captación de ofertas de emprego así como a falta de estudos superiores”, apunta a Coordinadora do servizo de Emprego, quen engade que “tamén chegan ofertas con perfís difíciles de cubrir porque non hai”.

COGAMI como axente xerador de emprego

As dificultades de inserción do colectivo da discapacidade é unha problemática que se estende ao longo do tempo, chegando incluso a que as entidades representativas, como no caso de COGAMI, tiveran que abrir iniciativas empresarias para ofrecer oportunidades laborais nun mercado que estaba hermeticamente pechado á discapacidade.

O compromiso de COGAMI coas persoas, o coidado do medio ambiente, a responsabilidade social e a xeración de valor no país derivou na creación de postos de traballo. Así foi como naceron os centros especiais de emprego que ten COGAMI Empresarial, 10 iniciativas de economía social coñecidas como Galega de Economía Social, a matriz, Dixardín, Coregal, Grafinco, Accede Social, Integratex, Hornos de Lamastelle, Trameve, Cualicar e Combina Social. Estas iniciativas operan en ámbitos do coidado do medio ambiente, artes gráficas, transporte de persoas, téxtil, alimentación, automoción e externalización de servizos. Todas elas ofrecen oportunidades laborais, empregando actualmente a 773 persoas, o 82% destas con grao de discapacidade recoñecido.

“Creamos oportunidades laborais dirixidas a persoas con discapacidade que nos aportan o seu talento e, ao mesmo tempo, poden ter un proxecto de vida como calquera outra persoa”, explica a directora de negocio de Galega de Economía Social, Rosa Gutiérrez, quen engade que “as nosas iniciativas sociais céntranse na persoa e non nos beneficios, colaborando na creación de emprego máis estable e de calidade”.

CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación.

No mes de xuño reivindicamos a necesidade de que o empresariado conte co talento das persoas con discapacidade e o inclúa nos seus cadros de persoal. Acompañamos a nota cunha peza audiovisual que se pode ver neste enlace https://youtu.be/6Uldu5gkOCM

O resto dos meses, recollerán estas outras reivindicacións:
Xullo. SOMOS LECER: Fomentamos actividades inclusivas.
Agosto. SOMOS PRESENTE, SOMOS FUTURO: Atendemos ás necesidades da infancia e a xuventude.
Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas e espazos para todas as persoas.
Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.
Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.
Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.
COGAMI