Skip to main content

Nace NOSEVAC, o consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais no que participa a USC

Durante os próximos cinco anos, o consorcio traballará para crear vacinas nasais combinadas, dirixidas ás infeccións respiratorias máis agresivas por bacterias, ademais de desenvolver dúas vacinas nasais bivalentes para previr a COVID-19. “Ata o momento, as vacinas dispoñibles contra estas enfermidades adminístranse por inxección intramuscular ou subcutánea e non preveñen eficazmente a colonización do tracto respiratorio superior”, explica a investigadora da USC, Noémi Csaba. En consecuencia, o seu impacto na transmisión de patóxenos é limitado.

Previr dende a orixe

O consorcio NOSEVAC, coordinado pola Iniciativa Europea de Vacinas (EVI), traballa no deseño e avaliación de plataformas de vacinas nasais como un enfoque innovador para previr a etapa máis temperá de infección, inhibindo así a colonización, transmisión e enfermidade do tracto respiratorio superior. O proxecto baséase nun equipo colaborativo formado por doce socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

O proxecto contempla o desenvolvemento de diversas candidatas a novas vacinas nasais. Así, centraranse en desenvolver formulacións de vacinas para a administración nasal de antíxenos baseados en ARN e proteínas; descubrir antíxenos bacterianos que favorecen a colonización do epitelio respiratorio; identificar os factores inmunitarios do hóspede humano para xerar protección a longo prazo contra as bacterias ou virus; ou abordar a aceptabilidade da vacinación nasal na poboación xeral.

Influír nas decisións políticas

NOSEVAC, que conta cun financiamento de algo máis de 11 millóns de euros (case sete deles procedentes da UE), prevé establecer vías estratéxicas de investigación para combater os patóxenos respiratorios, que abarquen aqueles con potencial para grandes gromos. Ademais, conclúe a investigadora do CiMUS da USC, “a organización servirá como catalizador para a toma de decisións baseada en evidencia científica, tanto para a abordaxe de medidas políticas como para grupos investidores que poidan financiar os custos destas novas estratexias terapéuticas”.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)