Skip to main content

O congreso EUNIS reúne en Vigo 210 asistentes de 24 países para debater sobre a transformación dixital das universidades europeas

En total, nestas tres xornadas presentaranse arredor de 60 ponencias e os debates centraranse en tres temas principais: intelixencia artificial, ciberseguridade e alianzas europeas de universidades, como explicaba no acto de apertura o presidente de EUNIS, Raimund Vogl. Na inauguración participaron tamén o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa concelleira e docente tamén da Universidade viguesa Ana Mejías.

Vogl foi o encargado de dar a benvida aos máis de douscentos asistentes a este vixésimo noveno congreso de EUNIS, asociación que, como el mesmo lembraba, naceu en 1993 como punto de encontro dos responsables da xestión, desenvolvemento e políticas de tecnoloxías da información na educación superior en Europa, co obxectivo de contribuír á mellora dos sistemas de información de alta calidade. O reitor, pola súa banda, quixo lembrar que a proposta de Vigo como sede deste 29 congreso de EUNIS tivo o seu xermolo no vicerreitor Manolo Ramos e, tras o seu falecemento, foron os profesores Pazos e López Nores os que tomaron a remuda, algo que lles agradeceu agarimosamente, estendendo este recoñecemento a todas as persoas que formaron parte do comité organizador. Pola súa banda, a concelleira de I+D e Dinamización Administrativa, Ana Mejías, trasladoulles ás persoas asistentes o saúdo do Concello e do seu alcalde, Abel Caballero, e remarcou o importante que é para a cidade acoller congresos coma este da man da UVigo, porque “as universidades teñen un papel transcendental neste novo ecosistema conectado e dixital, onde os valores do humanismo deben guiar os avances científicos e tecnolóxicos”.

Un foro para avanzar na xestión das universidades

O congreso está pensado como un foro para “as persoas que traballan na xestión e gobernanza das universidades e que teñen poder de decisión á hora de xestionar os recursos tecnolóxicos” destas, como explica López Nores. O obxectivo é presentar e publicar os últimos resultados da investigación, desenvolvemento e implantación de tecnoloxías e sistemas da información para Institucións de Educación Superior (IES) e intercambiar perspectivas e experiencias en relación á transformación dixital das universidades europeas, co propósito de avaliar estratexicamente os retos e oportunidades nunha era de novas preocupacións sobre a demografía, a mobilidade, a enerxía e a soberanía dixital.

O programa EUNIS 2023 comprende presentacións orais, presentacións de pósters, mesas redondas, relatorios, sesións prácticas e exposicións que o configuran “un dos eventos máis importantes de Europa neste eido”. Como explican os organizadores, “non ten unha perspectiva investigadora, senón que está orientado á toma de decisións estratéxicas no que atinxe á xestión das universidades europeas en canto á súa dotación tecnolóxica, agora que estamos nun contexto de dixitalización da educación e de mobilidade internacional”.

Tres eixos centrais: a gobernanza, os sistemas de información e a docencia e I+D

O congreso artéllase arredor de varias temáticas. Por unha banda, preséntanse ponencias arredor da gobernanza e as políticas para a educación superior e a investigación, abordando temas como a arquitectura empresarial cara a un conxunto europeo de servizos de Institucións de Educación Superior, fluxos de traballo dixitais, ciencia aberta, cooperación internacional dentro e fóra de Europa, ética, protección de datos e confianza, soberanía dixital, etc. Un segundo bloque temático é o que xira arredor do deseño, desenvolvemento e implantación de sistemas de información tanto para a xestión interna, como para a cooperación interinstitucional ou para o teletraballo, a seguridade da información, a intelixencia artificial ou o benchmarking. Finalmente, outra liña temática comprende relatorios sobre aprendizaxe, docencia e investigación, abordando aspectos como o apoio informático á investigación, as tecnoloxías educativas para a aprendizaxe e a avaliación, a aprendizaxe híbrida e mixta ou as tecnoloxías AR/VR e metaverso na educación superior.

ATHENA e as universidades europeas na conferencia de apertura

Tras o acto de apertura celebrouse a conferencia de apertura, a cargo de Nuno Escudeiro, profesor do Departamento de Informática da Escola de Enxeñaría do Instituto Politécnico do Porto e coordinador da Universidade Europea ATHENA, consorcio do que a Universidade de Vigo forma parte. No seu relatorio explicou a experiencia da posta en marcha desta universidade europea, a súa estrutura e obxectivos e tamén analizou de xeito máis xeral a gobernanza e as tecnoloxías da información nas alianzas universitarias europeas.
Universidade de Vigo