Skip to main content

O verán comeza este mércores 21 de xuño ás 16.58 horas

Porén, debido a que o tempo oficial mídese con respecto ao chamado Sol medio, “sucede que o día no que o Sol sae antes é o 15 de xuño e cando máis tarde ten lugar o solpor corresponde co 27 do mesmo mes”, explica José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. A estación que agora comeza vaise prolongar ata as 08.50 horas do 23 de setembro. Estes 93,66 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro.

Nesta ocasión a visión das Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto verase favorecida pola fase lunar, que estará entre minguante e nova e que polo tanto “non vai estorbar durante a noite”, engade o profesor Docobo. Dende lugares sen contaminación luminosa poderían chegarse a observar sobre 100 meteoros/hora, contando os moi febles.

Por outra banda, os planetas Marte, Xúpiter e Saturno vanse ir vendo cada vez máis tempo ao longo das noites estivais, podéndose contemplar Venus logo do solpor ata comezos de agosto e como luceiro do alba despois. Pola contra, Mercurio estará en boas condicións de ser observado a simple vista ao anoitecer na primeira quincena de agosto. Ademais, non haberá eclipses na estación que agora comeza. “Hai que agardar ao outono no que teremos a posibilidade de contemplar unha eclipse parcial de Lúa, aínda que de moi pouca magnitude, na tarde noite do 28 de outubro”, explica Docobo.

Como en anos precedentes, durante o verán o Observatorio Astronómico Ramón María Aller vai impartir sesións públicas de divulgación astronómica tanto nas súas instalacións como en varios concellos galegos. Este ano a través de programas financiados polo Consello Social da USC e polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Meteoroloxía

Remata outra primavera seca na contorna de Compostela na que a estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller rexistrou un total de 390 litros /m2 en 43 días con precipitación, sendo en 6 deles inapreciable (menos de 0,1 l/m2). Nos últimos dez días de marzo rexistráronse 75,6 l/m2; en abril, 91,0 l/m2; en maio, 94,2 l/m2; e nos primeiros vinte días de xuño, 129,2 l/m2.

Cómpre destacar a cantidade de chuvia do 22 de abril con 54,9 l/m2, así como a da noite do 3 de maio (34,8 l/m2) e a tarde do 28 do mesmo mes (31,2 l/m2). As temperaturas máximas en Santiago de Compostela foron os 29º7 e os 29º3, acadados respectivamente os días 15 e 6 de xuño. Tamén se chegou aos 28º2 en tres datas: 17 de abril, 2 de maio, e 16 de xuño.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)