Skip to main content

Santiso Miramontes asiste ao Consello de Administración da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal

O Consello de Administración da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia celebrou a súa xuntanza anual á que acudiu, entre outros, o Conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes.

Na orde do día da reunión informouse da situación actual do Centro Comarcal de Betanzos, Noia e Chantada. No caso de Betanzos, o seu Concello cedeu á Sociedade de Desenvolvemento Comarcal a planta primeira e baixo cuberta do inmoble denominado “Escuelas García Hermanos”, unha edificación protexida de interese histórico artístico patrimonial, exemplo de arquitectura na Comarca. Neste momento está acometida a contratación da redacción do proxecto técnico de rehabilitación do inmoble, ademais de estar remitido ao Concello a solicitude da correspondente licenza de obras.

Por outra parte, o Concello de Noia cedeu dos solares na fachada o “Malecón de Cadarso” do casco histórico. Convocado a concurso de anteproxectos do Centro Comarcal presentáronse 24 propostas, e resolveuse outorgar o primeiro premio ao anteproxecto baixo o lema “Ein- Stein”, do arquitecto Jacobo Bouzada Jaureguizar. A entrega do proxecto está prevista para finais do vindeiro mes de maio. Con respecto ao Centro Comarcal de Chantada, elixiuse un inmoble situado preto da alameda, no casco histórico do núcleo, e que conta con tres plantas de 200 metros cadrados cada unha. O Concello de Chantada xa levou a Pleno e tomou o Acordo da cesión do inmoble, nestes momentos está a completar a documentación necesaria.

CONVENIO CO CONCELLO DE BALEIRA

Ademais, informouse dun convenio entre a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e o Concello de Baleira para a cesión e posterior execución das obras dun centro de interpretación do río Eo e a Fraga da Marronda, ademais do acondicionamento do terreo colidante. A Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, dependente da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Comarcal, financiará o proxecto cunha achega de máis de 80.000 euros, que representa o 25% do presuposto total.

CONVENIOS CON DIVERSAS CONSELLERÍAS

Na reunión tamén informouse dos convenios subscritos pola Sociedade de Desenvolvemento Comarcal de Galicia e diversas Consellerías, entre os que se pode destacar o de colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a implementación dun programa de dinamización sociolingüística nas comarcas de Galicia. Este programa pretende promover o uso e a difusión do galego nas comarcas que están incorporadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal con tarefas de asesoramento e dinamización.

Outro convenio é o subscrito coa Consellería de Medio Ambiente baseado no deseño dun sistema experto que axude na planificación da loita contra os incendio forestais, utilizando o tratamento dixital de datos procedentes das imaxes do satélite Landsat TM coa finalidade de cuantificar e xeorreferenciar a superficie queimada. Simultaneamente xerouse a cartografía necesaria para o seguimento de móbiles aéreos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia