Skip to main content

Sabrina Fernández, Diego Vites e Violeta Iglesias, gañadores da III Edición do Programa de Residencias Artísticas Fundación María José Jove/NORMAL

O obxectivo destas residencias é afondar nas relacións entre creación artística, pensamento crítico e participación social, así como fortalecer o contexto cultural, promovendo proxectos creativos vinculados á comunidade.

A presente edición, que contou con case 200 aplicacións, outorga dúas residencias e conta cunha dotación económica de 6.000 euros por cada un dos dous proxectos seleccionados. O programa pretende favorecer a creación dunha contorna óptima para o desenvolvemento do pensamento crítico desde o achegamento horizontal ao territorial, abrindo outras posibilidades de lectura e comprensión cultural e contribuíndo á difusión do patrimonio natural e cultural de Galicia.

Sabrina Fernández Casas presentou “Alboroque”, un proxecto que propón o achegamento ao traballo das brigadas deseucaliptizadoras en Galicia, unha iniciativa de voluntariado ambiental, cuxo obxectivo é “facer fronte á degradación dos ecosistemas que causa a presenza do eucalipto e outras especies exóticas invasoras”. Presentando como referencia histórica o documental: “O monte é noso”, de Llorenç Soler de 1978, Fernández Casas expón a gravación das intervencións de recuperación nos bosques autóctonos levados a cabo polas persoas que integran estes grupos de traballo.

Pola súa banda, Diego Vites e Violeta Iglesias presentaron “(Algo queda) (Máis do que parece)”. Trátase dun proxecto que combina situacionismo e tarot nun exercicio de aproximación ao mundo máxico presente na cultura popular galega, xuntando dúas maneiras complementarias de achegarse: Diego Vites desde o místico e máxico popular como ferramenta de creación artística e, Violeta Iglesias, co emprego da creación como método para entender o misterio.

Ambos os artistas expoñen o traballo de Gustav e Marisa-Rey Henningsen, folcloristas e etnógrafos que recolleron, a través de expedicións de traballo de campo, referencias etnográficas e literatura oral da Galicia Máxica na década dos 60 e 70 ou o tarot deseñado por Xosé Vizoso para Edicións do Castro, como exemplos da relación entre estas forzas místicas que operan no territorio. Ou fóra de Galicia, exemplos como a artista Hilma af Klint e a súa relación co espiritual, ou Alejandro Jodorowsky e o concepto da psicomaxia, como algunhas das referencias de partida.

Ambas propostas fan desta residencia un marco idóneo para o desenvolvemento das mesmas; a primeira, desde a denuncia a través dunha proposta artística de conciencia ecosocial e a segunda, desde a valoración e integración dos imaxinarios populares e a interacción entre inmaterial, obxectual, máxico e simbólico.

Xurado

As propostas foron valoradas por unha Comisión de Avaliación constituída por Ángel Calvo, crítico de arte e comisario; Ane Rodríguez Armendáriz, xestora cultural e responsable do programa do Centro de residencias artísticas de Matadoiro de Madrid ata 2023; Leticia Eirín, adxunta de Cultura da Universidade da Coruña e responsable de Normal e Susana González, comisaria, xestora cultural e directora da Colección de Arte FMJJ e área de arte da institución.

Biografía dos gañadores

Sabrina Fernández Casas (Xenebra, 1988).

A práctica artística de Sabrina Fernández constrúe narrativas non hexemónicas, migratorias e post-industriais. Filla de emigrantes galegos en Suíza, o interese polos incendios forestais e a destrución dos bosques foi unha constante desde moi pequena. En 2022 intégrase nas brigadas deseucaliptizadoras de Galicia. Titulada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, completou a súa formación no LUCA School of Arts de Bruxelas e na HEAD, École d’art et de design, de Xenebra. É cofundadora de MACACO Press, un proxecto colectivo que explora a relación entre autoedición e performance, desde 2015. Entre as bolsas e residencias máis recentes destacan: a residencia artística no Musée deas beaux-arts, La-Chaux-de-Fonds (CH) en 2023; a residencia artística na Pro Helvetia, Fundación Sacatar, Bahia (BR), en 2023 e a bolsa de investigación na FMAC, Bourse Commun, Xenebra (CH), en 2021.

Os seus proxectos foron expostos no Centro de Arte Contemporánea de Xenebra (Suíza), CAN-Centro de arte de Neuchâtel (Suíza), La Capsula, Zúrich (Suíza), Kiosko Galería, Santa Cruz de la Sierra (Bolivia), Kabinett deas Salzburger Kunstverein, Salzburgo (Austria), Weserburg|Museum für moderne Kunst, Bremen (Alemaña) ou La Casa Encendida, de Madrid (España), entre outros.

Diego Vites (O Grove, 1986) e Violeta Iglesias Maneiro (Ribeira, 1998)

A práctica artística de Vites incorpórase no medio dunha multiplicidade de relacións abertas entre a pintura, a instalación, a acción, a escultura e o vídeo, nunha construción deliberadamente mediada polas imaxes da Historia da Arte. As súas instalacións funcionan como extensións escultóricas da súa pintura, os seus vídeos como ensaios de composición pictórica e as súas accións como modos de relacionarse coa produción simbólica singular da súa contorna. Pola súa banda, Violeta Iglesias é unha estudosa do tarot, cuxa formación procede do ámbito clínico e o laboratorio químico, incorporándose recentemente ao campo da escultura.

Diego Vites (1986) é Licenciado en Belas Artes pola ULL en 2011, cursou o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea pola USC, Santiago de Compostela, entre 2008 e 2009, e o CAP na Universidade Alfonso X de Madrid, en 2009. Entre as bolsas e residencias máis recentes destacan DEPOCREA2022, 2022; primeiro premio no Duodécimo Premio Auditorio de Galicia de Novos Artistas, 2021; Residencias Artísticas e de Investigación de Solar Tenerife, en 2018; Bolsa Novos Valores, Deputación de Pontevedra, 2016 ou Hacer2veces workshop Fermín Jiménez Landa, Tabakalera, Donosta, 2015.

Entre as exposicións individuais destacan: Cabria para Normal, Normal Espazo de Intervención Cultural da UCD, 2022; Do primeiro mío, Galería Besada O Grove, 2020; Que traballe tu madre, CICLÓN, SCQ, 2018 ou Médrame Vulto, Salga Alterarte. Ourense e as exposicións colectivas: Sempre máis, Auditorio de Galicia. SCQ, 2023; Xestos, formas e actos, Galería Nordés, SCQ, 2022; Adiós / Volverán, Casa de Iberoamérica, Cádiz, 2022; Os Papeis da NEG, Museo do Pobo Galego, SCQ; Complexo Colosso, CIAJG Guimaraes, 2021.

Apoio á creación artística

O Programa de Residencias Artísticas FMJJ/NORMAL forma parte do programa de Mecenado da Fundación María José Jove para apoiar a formación, a produción e promoción da creación artística. Súmase ao Bolsa de formación Artística FMJJ que permite cursar o Máster en Belas Artes do Art Institute FHNW de Basilea (Suíza) a artistas nados en Galicia, ao Premio de Investigación e Ensaio sobre Aplicacións Terapéuticas da arte, ao Premio Internacional de Arte Marta García-Fajardo ou as Residencias Artísticas para artistas internacionais, así como outros proxectos de produción e investigación, promovidos desde a área de arte.

NORMAL é un espazo cultural activo da Universidade da Coruña, un espazo de intervención, de creación e de debate, non un simple escaparate. NORMAL é un contedor para a produción/coprodución de iniciativas e de proxectos propios: nova escena contemporánea, cinema, artes visuais, multimedia, música avanzada etc. Sempre buscando ligar a cultura á vida pública no sentido máis amplo, con atención á reflexión sobre políticas de xénero e a cooperación.

María José Jove, falecida en marzo de 2002, estivo sempre vinculada ao compromiso social orientado aos colectivos menos favorecidos, constituíndo a infancia unha das súas grandes preocupacións. Por este motivo, a súa familia quixo impulsar este proxecto e levar á práctica a súa extraordinaria sensibilidade, creando unha Fundación que leve o seu nome, baixo a presidencia de Felipa Jove Santos. Fundada en 2003, a Fundación María José Jove traballa en materia de infancia e inclusión social a través de catro áreas de actividade: Saúde, Educación e Formación, Lecer e Tempo Saudable e Arte.
Universidade da Coruña (UDC)