Skip to main content

Mulleres xitanas, abrindo camiños: foro no que se amosarán os principais obstáculos deste colectivo

Facer visible o cambio social das mulleres xitanas e identificar os elementos que constitúen un obstáculo para o desenvolvemento deste colectivo son os principais obxectivos da xornada “Mulleres xitanas, abrindo camiños” inaugurada pola conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo Noguera.

O encontro, que se desenvolve en Santiago de Compostela, incluirá, durante a mañá, unha ponencia sobre a visibilidade das mulleres xitanas e una mesa redonda, na que se tratará o acceso ao emprego e a participación social e cultural. Na sesión da tarde haberá unha exposición sobre boas prácticas en violencia de xénero e amosaranse as conclusións que se manifestaran ao longo da xornada.

No seu discurso, a titular autónomica da Muller, Pilar Rojo, insistiu na importancia da celebración deste tipo de reunións posto que “boa parte da poboación xitana continúa constituíndo un dos grupos máis descoñecidos e nos que fai falla facer un esforzo suplementario para evitar o risco de exclusión social ou económico”.

Rojo dixo que “é necesario e fundamental traballar na percura dun acceso igualitario aos bens e servizos, en igualdade de condicións que o resto da cidadanía galega, e moi particularmente no que se refire ao colectivo feminino, tradicionalmente afectado por unha situación secular de desigualdade”.

En Galicia viven na actualidade ao redor de 8.000 persoas de etnia xitana, cunha situación social moi diversa. O seminario de hoxe, financiado polo Servizo Galego de Igualdade, pretende ofrecer unha visión máis próxima deste colectivo, facendo especial fincapé nas mulleres e na súa loita por facerse visibles. Á reunión asisten representantes de asociacións de mulleres, persoal dos centros de información á muller, casas de acollida e persoal dos servizos sociais dos concellos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia