Skip to main content

Pedro Soler e Paco Audije avogan pola defensa dos medios públicos no Centro Internacional de Prensa de Galicia

O pasado luns ás 19:30 horas, o Centro Internacional de Prensa de Galicia acolleu un acto titulado «A defensa dos medios públicos e o pluralismo. Un dereito cidadán», que estivo presentado polo presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, Luis Menéndez, e que contou coa intervención de Pedro Soler Rojas e Paco Audije, fundadores de Teledetodos.

Pedro Soler, xornalista, consultor e formador en competencias dixitais e comunicación, con experiencia relacionada coa radio e a televisión, definiu, ao comezo da súa intervención, aos medios de comunicación público como «un piar esencial da democracia». Aproveitou tamén para criticar que os medios «caeron na trampa de ceder á tentación das audiencias».

Pola súa parte, Paco Audije, xornalista especializado en información internacional no EFJ Broadcating expert group, fixo fincapé no seu discurso á financiación dos medios públicos, comparándoas co resto de países europeos e co panorama internacional en xeral.
Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela