Skip to main content

Unha explosión de freakismo protagoniza o novo cartel do GFFF

O cartel foi presentado esta mañá en Vigo diante do protagonista, o Dinoseto, coa presenza de membros do equipo entre os que estaban Juan de Castro (director do GFFF) e Miriam Álvarez (subdirectora); así como o concelleiro-delegado de cultura do Concello de Vigo, Gorka Gómez. Gómez amosou o seu convencimento de que "Vigo é xa a capital do cine freak de Galicia". Pola súa banda, Juan de Castro (director do festival), definiu o freakismo cinematográfico como “un xénero inmortal, que continúa a ser dos máis consumidos pese ás crises ou cambios de plataforma". Tamén recalcou o carácter lúdico e gamberro do certame, afastado dos convencionalismos.

Os responsables recordaron que o Galician Freaky Film Festival celébrase entre o 22 e o 30 de setembro en diferentes espazos da Praza Elíptica. As proxeccións serán nos Cines Tamberlick, recentemente reformados e reinaugurados; mentres que as actividades paralelas celebraranse na Sala Apostrophe.

En canto á programación adiantaron que haberá unha decena de bloques de curtametraxes internacionais de terror, ciencia ficción e humor; a proxección de Akira en 4K; a terceira edición do Pequefreak e unha feira de arte, literatura e cultura xaponesa.

Cartel e homenaxe a Akira

Como cada edición, desde a número 0, o cartel é obra do ilustrador e animador galego Paulo Mosca, coñecido polo seu trazo fino e a incorporación do humor nos seus traballos; e da deseñadora gráfica viguesa María Llauger. Nel observamos unha distopía futurista na que destaca o Dinoseto implosionando pola acción de Akira no medio da ría de Neo-Vigo, logo de arrasar a Ponte de Rande nunha encarnizada batalla.

Como anunciado hai uns meses, Akira é o filme homenaxeado este ano no Galician Freaky Film Festival e será proxectado na gran pantalla e en 4K para desfrute dos fans deste clásico do anime xaponés.

Case 600 curtametraxes recibidas

Pechado o período de recepción de curtametraxes a organización define o recibido como "unha boa colleita de 592 pezas". A maior parte delas veñen de España, pero tamén hai curtas chegadas de Francia, Corea do sur, Arxentina, Brasil, Rusia e Colombia. Destacan os traballos enviados desde Indiestory, importante produtora surcoreana e Je Regarde, estudo francés centrado na animación.

Ademais do recibido, o equipo de programación do Galician Freaky Film Festival, procura os mellores filmes do último ano nos festivais de xénero máis importantes do mundo, como Animac, Fantaspoa ou Clermont Ferrand.

VIGO, CAPITAL DO FRIKISMO

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.

O GFFF ten todos os ingredientes para convertir a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade.

A sétima edición celebrarase os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro en Vigo.
Galician Freaky Film Festival