Skip to main content

Unha exposición rememora o universo de Juan Carlos Meana

Comisariada polo tamén profesor da facultade Alberto Ruiz de Samaniego, esta exposición reúne unha trintena de obras realizadas por Meana ao longo de tres décadas, xunto a unha escolma de textos que permiten achegarse ás súas reflexións sobre a propia práctica artística. “A idea era facer un percorrido polo seu traballo, tanto escultórico como fotográfico, pero tamén pola súa liña de pensamento; darlle tamén importancia a esa parte máis de reflexión e máis teórica”, sinala Ruiz de Samaniego dunha mostra que define como “unha exposición de homenaxe e de coñecemento do universo de Juan Carlos”.

Inaugurada na tarde deste xoves, a exposición que poderá visitarse ata o 29 de outubro toma precisamente o seu nome do título dos libros, El espacio entre las cosas (2001), do homenaxeado, ao que Ruiz de Samaniego lembra como “un artista moi reflexivo”. Organizada coa colaboración da facultade á que Meana se incorporou como docente en 1993, na exposición reúnense unha trintena de obras realizadas entre 1993 e 2018, que, ademais de percorrer a súa traxectoria, permiten tamén coñecer os intereses e temáticas que abordou a través de linguaxes diversas, como a instalación, a fotografía, a escritura e o vídeo.

Natural de Vitoria, Meana protagonizou ao longo da súa traxectoria artística máis dunha vintena de exposicións individuais e a súa obra está presente nas coleccións de institucións como o Goberno Vasco, o Museo Artium ou as deputacións de Biscaia e A Coruña, así como de numerosos particulares. Nese senso, Ruiz de Samaniego destacou a colaboración tanto da familia do artista como de docentes da facultade á hora de reunir a escolma de traballos que se presentan nunha exposición que este comisario afrontou “como un traballo de homenaxe a moitos anos de amizade e de complicidade intelectual”.

A arte, o individuo e os obxectos

“Meana concibía a arte como tentativa de coñecemento e, ao tempo, como unha experiencia de transformación”, subliña Ruiz de Samaniego. Nese senso, obras e textos preséntanse nesta mostra como un conxunto que permite achegarse “a unha arte existencial e reflexiva”, a un creador que “puña continuamente en cuestión a idea mesma da obra de arte”, así como capacidade desta para “achegar coñecemento ao espectador”, para incitar á reflexión sobre “a nosa existencia, a nosa forma de vida e os nosos propios valores”.

A reflexión sobre o propio individuo sobre “a condición humana, a súa fraxilidade, as súas esperanzas” constitúe un dos motivos centrais da creación artística de Meana, marcada tamén pola utilización de obxectos cotiás. Aínda que a trintena obras seleccionadas se presentan nesta mostra como un continuo, esta tamén permite contemplar como, ao longo da súa traxectoria, o interese de Meana polo individuo e a identidade levouno tamén a reflexionar sobre “cal é a relación entre o suxeito individual e o grupo, entre a identidade e a comunidade”, como apunta Ruiz de Samaniego.

Estas liñas de pensamento vense á súa vez reflectidas no uso que o artista fai de obxectos cotiás, desde espellos ou pastillas de xabón, a ladrillos ou regras e escuadras. Entre eles destaca o uso de espellos, “un dos elementos metafóricos que circulan ao longo de toda a súa obra” e que poñen o foco na cuestión da identidade, “na separación entre o eu e o min mesmo”, como sinala Ruiz de Samaniego. Do mesmo xeito, a exposición permite tamén deterse no uso que o artista facía de obxectos cotiás como pezas de vaixela, que á vez que “forman parte do hábitat íntimo de cada un”, son tamén un obxecto común a un colectivo, “signos dunha identidade grupal”, como lembra o comisario.

Creación e transmisión do coñecemento

O director do Museo, José Manuel Rey, e o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, acompañaron na tarde deste xoves a Ruiz de Samaniego na inauguración desta exposición, na que enxalzaron a altura humana e artística de Meana. “Se algo sobresae na súa figura é a brillantez coa que compatibilizou a práctica artística coa investigación teórica, o pensamento e a transmisión de coñecemento”, salientou Rey do que fora docente do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo. Doutor en Belas Artes pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU) e investigador do grupo dx7, Meana foi tamén o impulsor e primeiro coordinador do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da facultade e compaxinou o seu labor docente e artístico coa publicación de artigos e libros como o propio El espacio entre las cosas, editado pola Deputación de Pontevedra, Lo que no somos, lo que no queremos (Universidade de Vigo, 2002), La ausencia necesaria (Dauro, 2015) e El aprendiz de lengua extranjera (Arteactivo, 2019).

Algúns dos seus textos reuniranse no catálogo que completará esta exposición, xunto ás achegas de Ruiz de Samaniego e do crítico, filósofo e tamén amigo de Meana Ignacio Castro. Por outra banda, a exposición vese complementada pola colocación na sala dun amplo fondo de catálogos do artista, que se poñen a disposición dos visitantes.
Universidade de Vigo