Skip to main content

Asuntos Sociais investirá 4'7 M€ na modernización das oficinas de emprego da Xunta no período 2005-2007

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, explicou en Vigo as reformas que se están a levar a cabo na rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia co obxectivo de optimizar os seus resultados. As principais modificacións xiran arredor de tres eixos principais: a redistribución xeográfica das oficinas, unha maior introducción das tecnoloxías da comunicación no seu funcionamento e máis implicación dos técnicos de emprego co entorno local. Está previsto que o programa de revisión das Oficinas de Emprego da Xunta conte cun orzamento de 4.700.000€ a investir no periodo 2005-2007.

Enmarcada dentro do Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, a reforma pretende establecer unha estructura territorial máis acorde coas necesidades actuais dos usuarios do Servizo Público de Emprego e unha serie de medidas complementarias encamiñadas a facer que a permanencia como demandante de emprego sexa o máis curta posible. Ao mesmo tempo, tenta desenvolver unha atención personalizada que teña en conta as características particulares de cada individuo.

No referente a unha maior introducción das tecnoloxías da comunicación na rede do Servizo de Emprego, preténdese optimizar o seu uso para mellorar a atención ao cidadán, facilitándolle o acceso dende a súa casa ao seu curriculum, ás ofertas laborais e a outros servizos. En canto ao achegamento dos técnicos de emprego á realidade local, búscase unha maior implicación destes traballadores coa súa área de operacións, que se potenciará a través da formación especializada.

A redistribución xeográfica das oficinas de emprego da Xunta ten como obxectivo acurtar os desprazamentos e o tempo de espera dos usuarios, facilitándolles así o acceso aos seus servizos. Esta medida suporá a creación de novas oficinas e o desdobramento doutras, de xeito que os cidadáns adscritos a un determinado centro poderán ser reasignados a outro.

Tamén está previsto incrementar a colaboración e o intercambio de experiencias con Administracións locais, autonómicas, estatais e europeas para obter un aproveitamento mutuo.

Trátase, en definitiva, de reforzar o carácter dinamizador da rede de oficinas públicas de emprego, impulsando o desenvolvemento do seu entorno socioeconómico mediante a colaboración con tódalas entidades do seu ámbito de influencia, fomentando a empregabilidade en xeral e, especialmente, a dos colectivos máis desfavorecidos e con maior dificultade de acceso ao mercado de traballo.

VISITA

Trala rolda de prensa, a conselleira visitou a primeira oficina de emprego reformada no marco de Plan de Modernización de Infraestructuras do Servizo Público de Emprego de Galicia, que continuará ao longo deste ano coa renovación de 15 oficinas máis. Este centro, situado na Rúa López Mora de Vigo, esta integrado na rede das 51 oficinas de emprego da Xunta de Galicia. O custo da reforma elevouse a un total de 219.330,50 euros, achegados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Nesta oficina traballan un total de 25 persoas, das que 18 son persoal da Comunidade Autónoma e 7 do Inem. As tarefas que se desenvolven neste centro inclúen o rexistro de demandantes e de contratos de traballo; a orientación e intermediación laboral; a selección de alumnos para cursos de formación, escolas obradoiro, e obradoiros de emprego; e xestión de programas como o Labora ou o de Renta Activa de Inserción.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia