Skip to main content

Un convite a descubrir os vestixios da Alta Idade Media galega

“Queríamos delimitar a necrópole en extensión e atopámonos cunha posible ocupación de época altomedieval”, apunta Celtia Rodríguez, doutora en arqueoloxía medieval e directora dos traballos de escavación. “Non obstante, para poder entender mellor o contexto habería que proceder a unha ampliación en área que permita precisar de que tipoloxía de xacemento estamos a falar”, puntualiza Rodríguez.

Á fronte da investigación, o profesor do grupo SÍNCRISIS da Facultade de Xeografía e Historia e investigador do CISPAC, José Carlos Sánchez Pardo, pon en valor estes descubrimentos: “A pesar de que esteamos a falar de análises preliminares en campo, os resultados destes achados permitirían analizar as sociedades que viviron en Mondoñedo entre uns 1.000 e 1.500 anos atrás”, destaca. Para corroborar a cronoloxía do material atopado ata o momento nas catas, o equipo contou co asesoramento científico do arqueólogo municipal de Mondoñedo, Abel Vigo, e o do doutor en cerámica medieval Galega e xestor da Tempos Arqueólogos, Francisco Alonso, que coinciden en datar os fragmentos na época altomedieval ou mesmo tardo-romana. “Non obstante, hai que ser prudentes e esperamos que o traballo en laboratorio e gabinete arroxe moita máis información contrarrestada e analizada con todos os datos arqueolóxicos en conxunto”, insiste Sánchez Pardo.

Mentres estes chegan, e co gallo de avanzar á cidadanía os achados do proxecto, o equipo investigador da USC, en colaboración con Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo, ofrecerá do xoves 10 de agosto unha visita guiada á escavación arqueolóxica para coñecer en detalle as novidades da investigación e o profundar no pasado medieval do xacemento. A expedición, aberta a todas as persoas interesadas sen necesidade de reserva, partirá ás 12 horas da igrexa de San Vicente, en Mondoñedo, e terá unha duración aproximada de 90 minutos.

Unha investigación para afondar no coñecemento da Galicia altomedieval

Liderada polo grupo SÍNCRISIS da USC, a escavación da necrópole de Combarro conta cun equipo interdisciplinario formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval, no que colaboran a empresa Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo. O equipo iniciou os traballos de escavación o 1 de agosto nos terreos do descubridor da necrópole e veciño do lugar, Miguel Chao, e continuará alí ata o día 14 deste mes. Alén de delimitar o xacemento, o obxectivo dos traballos é documentar as tipoloxías das tumbas e realizar análises dos restos óseos que subministrarán información sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.

Esta intervención vincúlase ao proxecto ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020’.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)