Skip to main content

O 'Concurso de pezas para a comunidade' do XII Encontro Artes pola Integración repartirá tres premios de 500 euros

Unha vez representadas, un xurado de expertos e expertas seleccionará dúas pezas, así como o público asistente unha terceira, que recibirán 500 euros de premio cada unha delas. Seleccionaranse un máximo de 10 pezas para este concurso.

As persoas ou entidades interesadas en participar deberán enviar a súa proposta antes das 23:59 horas do venres 1 de setembro ao correo experimentadanza@yahoo.es ou a través do WhatsApp do festival: 663 301 765.

Esta duodécima edición do Encontro Artes pola Integración, o festival das artes inclusivas para a transformación social, arrincará nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o venres 1 de setembro ás 19:00 horas coa presentación do festival para, a continuación, asistir a tres representacións teatrais: a peza curta “O meu lugar!” - dirixida por Rebeca Ponche e Carlota Pérez coa axuda de dramaturxia de Victor Duplá e María Vazquez - baseada na obra “A tempestade”, de William Shakespeare, a peza “Tuétano”, de ExperimentaDanza, versión longa da obra “Non me toques o segredo” representada na pasada edición do festival, e “Mordiendo la verdad. Recuperando la memoria de las mujeres”, de Palomica Lloca Producciones, un premiado espectáculo que combina teatro, música, danza y poesía visual.

A primeira xornada do XII Encontro Artes pola Integración chegará ao seu fin co “Encontro de videodanzas e diversidade”, unha colección de proxectos de linguaxe audiovisual en colaboración co prestixioso Fiver Internacional Dance Film Festival.

O sábado 2 de setembro o evento trasládase ao Centro Ágora onde, ás 16:00 horas, se inaugurará a exposición “A mocidade crea”, proxecto realizado en colaboración con SacraExperience logo dun proceso de dous anos de formación e elaboración e que está conformada por fotografías, artes plásticas e videocreaciones realizada por adolescentes.

Ás 16:40 horas dará comezo a “Asemblea Diversa”, nesta edición centrada nos museos como espazos e referencias terapéuticas, onde coñeceremos as experiencias de Rebeca Ponche, especialista en artes terapéuticas, Juan García Sandoval, Conservador de Museos da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Karen Lund Orbeta. arteterapeuta especialista en arte e museos, Encarna Lago, Xerente da RedE Museística Provincial de Lugo, e a doutora Alexandra Gerstain, do CourtLaud Museum de Londres. A “Asemblea Diversa” rematará cun obradoiro experiencial

Posteriormente, ás 20:00 horas, Yurdance ofrecerá o seu espectáculo de danza “The Sound of the Void” sobre a fraxilidade humana e a impermanencia da vida para, a continuación, gozar da actuación da Big Band Basket Beat, un proxecto de movemento, arte, educación e acción social cunha metodoloxía que explora todas as posibilidades que nos ofrece unha simple pelota de baloncesto.

Esta cita chegará ao seu fin na xornada do domingo 3 de setembro, xa na praza da Constitución (Cidade Vella) e en horario de 17:00 a 20:00 horas, co xa mencionado “Concurso de piezas para la comunidad”.
Encontro Artes pola Integración