Skip to main content

Asínanse os convenios de colaboración para o Foro Internacional de Fotorreportaxe e Sociedade, Revela, que se celebra en verán en Oleiros

O mércores día 20, ás 13,00 horas, na sala de xuntas do concello de Oleiros, se asinan os convenios de colaboración coas entidades e empresas que –a través deses convenios- colaboran co foro internacional de fotorreportaxe e sociedade, "Revela", que terá lugar en Oleiros do 24 de xuño ó 15 de xullo próximos. Un evento que atraerá ós máis importantes fotoxornalistas tanto autónomos como das máis relevantes axencias gráficas de información no mundo.

Así mesmo, darase tamén a coñecer o programa concreto de "Revela" para a Escola, dado que involucrar ó estudantado oleirense na necesidade de sensibilización social ante as problemáticas que acontecen no mundo –dende o entorno máis inmediato ao máis lonxano- a través da imaxe, é un dos moitos obxectivos que se inclúen neste proxecto.

"Revela" presenta, nesta primeira edición, como tema central de todo o evento, "as migracións", un tema de plena actualidade e afectación social en toda a súa extensión, e que pode ser mirada dende distintos ‘focos’ de atención. Pero os contidos centrais dos vindeiros anos, virán dados polo tema que anualmente, consiga os votos do Xurado Internacional que estará constituído ó efecto, e que acade a "Bolsa de Traballo" para realizar un proxecto de fotorreportaxe de denuncia.

Exposicións nos espazos públicos de Oleiros.-

"Revela" presenta varias exposicións fotográficas con imaxes en gran formato, instaladas durante as 24 horas do día nas rúas, parques e prazas de Oleiros. Este ano, estas exposicións serán:

• "Inmigración, un fenómeno mundial". Unha escolma das mellores imaxes dos correspondentes da Axencia Reuters no mundo.

• "El Estrecho". Un traballo realizado polos destacados fotógrafos de Reuters, Juan Medina, Antón Meres e Rafael Marchante.

• "Afrogalegos". De Xulio Villarino, (Premio Luis Kasado, World Press Photo e outros). Este traballo inédito é un exemplo de integración positiva de caboverdianos no pobo de Burela (no norte de Lugo, en Galicia).

• "Tráfico de mulleres". De Lorena Ros, que nos mostra nas súas imaxes o tráfico de mulleres keniatas que son sometidas a un rito vudú en Nixeria como presión sicolóxica para encadealas ó pago de débedas de uns 50.000 dólares, véndose obrigadas en moitos casos a exercereren a prostitución en Europa (Francia e España principalmente).

"Revela" ten apalabrada xa -e está a xestionar nalgúns casos- a presenza de amigos como Bob Strong, Lorena Ros, Fernándo García, Manolo López, Samin Naïr, José Luís San Pedro, Ignacio Ramonet, Ramón Villares, Eduardo Galeano ou Juan José Millás.

"Revela" promove o compromiso como principio creativo, e a fotografía como acto e motivo de reflexión.

Bolsa de Traballo

"Revela", en consecuencia, crea unha "Bolsa de Traballo" de 12.000 € que achega o Concello de Oleiros, para realizar unha reportaxe que se expoñerá o ano seguinte ó da convocatoria, e que marcará o tema central do foro dese ano.

"Revela" transformará Oleiros nun gran lugar de encontro internacional arredor da fotografía durante vinte días onde, ademais das exposicións, conferencias, mesas redondas, visitas guiadas, etc, os veciños e os visitantes poderán gozar de proxeccións audiovisuais nocturnas nas praias, parques e prazas do Concello; un certame fotográfico para o alumnado da E.S.O. de Oleiros e Obradoiros impartidos por fotógrafos de recoñecido prestixio e dirixidos a fotógrafos, universidades, escolas e empresas da imaxe e, en xeral, ás persoas afeccionadas ou interesadas nesta actividade e sensibilizada ante o contido do proxecto.

"Revela", con este evento do ano 2005, inicia un camiño e desenvolve un proxecto cultural internacional que, partindo da imaxe, expón, promove, comunica e convoca á reflexión e ó debate social e libre, coa intención de formar unha sociedade reflexiva, comprometida e con opinión.

Colaboracións

"Revela" conta coa colaboración principal da Fundación Paideia e da Obra Social de Caixa Galicia. Conta tamén coa participación de entidades e empresas como Macrom, a Fundación Araguaney, a Revista Foto, Haley, Foto Artús, CG Produccións e Itínere.

Carmen Carballo (Concello de Oleiros)