Skip to main content

O CiTIUS recrea a voz de Ana Kiro para que represente a Galicia na ‘Eurovisión’ mundial da intelixencia artificial

A USC a través do CiTIUS é colaboradora tecnolóxica nesta iniciativa formada por un grupo multidisciplinar de doce persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas que conseguiu a segunda posición con ‘AI-Lalelo’ o ano pasado neste festival. O tema ‘Florespiña’ rende homenaxe á intérprete cunha viaxe musical do pasado ao futuro, incluído unha nova versión dela no metaverso, “co obxectivo de inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial”, apuntan dende o equipo promotor da iniciativa, liderado polo director creativo Joel Cava, responsable da delegación galega e produtor executivo da edición 2023.

A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, comeza cun recitado da artista que regresa tras trece anos de ausencia polo seu pasamento. “Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio, unindo verbena, música tradicional, trap e electrónica nunha sonoridade nunca antes vista na homenaxeada. O respecto á súa traxectoria e a libre creación artística son as liñas mestras deste traballo que narra a historia dunha muller que ansía ter voz propia nun mundo dominado polos homes, e na que tamén se reivindica o rural”, explican dende o equipo promotor. A obra pódese escoitar nas principais plataformas de música en streaming.

‘Florespiña’ competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional, impulsado inicialmente en 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e organizado despois pola fundación Stichting AISC. Será un programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Será tamén unha ocasión para dar visibilidade á futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que nacerá en Galicia como primeiro organismo no seu ámbito do mundo. As entradas da gala están á venda a través da plataforma Ticket Hoy.

As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora informática galega. O grupo está formado por Javi Cardama, César Díaz, Fernando Estévez, e Ruben Laso, todos eles do CiTIUS, xunto a Juan Alonso, Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava, e “contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia”, explican.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)