Skip to main content

Manuel Fraga destaca a solidez espiritual, o rigor intelectual e a unión con Xoán Paulo II do novo Pontífice

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, congratúlase da elección do cardeal Ratzinger como Sumo Pontífice, “elixido polos cardeais para o ben da Igrexa e da humanidade”.

Manuel Fraga seguiu desde o seu despacho de San Caetano as noticias procedentes do Vaticano e, nada máis ter noticia da elección do novo Papa, telefonou ao arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, para lle transmitir a súa felicitación pola decisión do Colexio Cardenalicio.

O presidente da Xunta de Galicia tamén mantivo conversas telefónicas con outros relixiosos, como o bispo de Ourense, monseñor Luis Quinteiro Fiuza.

Nas próximas horas, o mandatario galego enviará unha mensaxe de felicitación ao Romano Pontífice, Benedicto XVI, do que tamén destaca “a solidez espiritual, o seu rigor intelectual e a estreita sintonía e unión que sempre mantivo con Xoán Paulo II, polo que é de esperar unha continuidade xa expresada polo novo Pontífice”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia