Skip to main content

A nova piscina climatizada de Marín eríxese como referente do urbanismo deportivo máis destacado da actualidade en Galicia

Manuel Fraga valorou a construción da piscina climatizada de Marín, na que se investiron máis de 1,5 millóns de euros, como unha obra de referencia dentro do urbanismo deportivo galego da actualidade. De feito, os alumnos de Arquitectura da Universidade da Coruña visitaron hai pouco este “recinto innovador”, que poderá ser disfrutado tanto por nenos como por adultos nun amplo horario e que contará, ademais, con instalacións especiais como é o caso do ximnasio anexo. Á inauguración desta infraestrutura de carácter deportivo asistiron, ademais de Manuel Fraga; a conselleira de Familia, Pilar Rojo; o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán; e o alcalde de Marín, Francisco A. Santiago Martínez.

Para Manuel Fraga, é evidente que o Goberno galego está a cumprir coas políticas de promoción deportiva entre as que figura o obxectivo de proporcionar a toda a sociedade galega instalacións deportivas próximas ao seu domicilio onde poidan disfrutar “case calquera modalidade”.

CLUB DE NATACIÓN

Así mesmo, o mandatario autonómico convidou aos habitantes de Marín e da súa comarca a facer uso desta nova piscina climatizada e, incluso, os animou a conformar un club de natación que represente á vila, como xa ocorre con outras disciplinas deportivas nas que existe asociacionismo nesta localidade como pode ser o atletismo, o baloncesto, o fútbol, o balonmán, o ciclismo, o xadrez ou a vela.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA PISCINA CUBERTA CLIMATIZA DE MARÍN

-“Atopámonos nun recinto innovador que ata é visitado, como recentemente ocorreu, polos alumnos de Arquitectura da Universidade da Coruña como referente do urbanismo deportivo máis destacado da actualidade en Galicia”.

-“Marín non conta entón só cunha nova piscina, conta á vez cunha obra de referencia constructiva, un edificio moderno que rompe co clasicismo, ben integrado no contorno, e no que se puxo un especial coidado polo respecto medio ambiental”.

-“Foi necesario un investimento de máis de 1,5 millóns de euros para levar a cabo este proxecto do que, por fin, poderán disfrutar tanto nenos como adultos, nun horario moi amplo e co complemento dun ximnasio anexo”.

-“Desde a Xunta de Galicia, cumprimos coas políticas de promoción deportiva, dando a oportunidade a toda a sociedade de ter preto de si un lugar onde poder practicar case calquera modalidade”.

-“Quero convidar non só aos 25.000 habitantes cos que conta Marín a disfrutar desta construción, senón tamén a todos os veciños da comarca para que poidan experimentar en primeira persoa a calidade e os servizos destas novas instalacións”.

-“Oxalá que grazas a existencia desta piscina cuberta climatizada, pronto os máis novos de Marín poidan optar e formar parte, ademais dos clubs xa existentes de atletismo, baloncesto, fútbol, balonmán, ciclismo, xadrez, e vela, dun club de natación que represente á vila”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia