Skip to main content

Currás preside a presentación dun estudio da ACSUG sobre os custos da calidade na universidade galega

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, presidiu o acto de presentación do libro “Análise dos custos da calidade: indicadores do Sistema Universitario de Galicia”, realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug). No mesmo encontro procedeuse tamén á presentación pública do primeiro proceso de acreditación do profesorado desenvolvido pola Acsug.

Ambas presentacións tiveron lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), nun acto no que participaron o presidente e o director da Acsug, Manuel Cecilio Díaz y Díaz e Eugenio Muñoz Camacho, e no que estiveron presentes o director xeral de Universidades, Eduardo López Pereira e os reitores das universidades de Santiago, Senén Barro; A Coruña, José María Barja; e Vigo, Domingo Docampo.

No transcurso do encontro, o director da Acsug explicou cales foron os obxectivos, metodoloxía e contidos do devandito libro, o primeiro estudo que a axencia dedica en profundidade e de xeito monográfico á calidade no ensino superior en Galicia.

O director da axencia lembrou que na exposición de motivos da Lei Orgánica de Universidades (LOU) sinálase a necesidade de mellorar a calidade do sistema universitario, a través da cultura da avaliación dos servizos universitarios.

Aínda que este interese na busca da calidade non é novo, tras a creación das axencias autonómicas da calidade, entre elas a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca), parece terse incentivado e é fiel reflexo do que demanda a sociedade.

Precisamente o obxectivo desta memoria de investigación é presentar algúns indicadores que resuman a calidade do SUG e das tres universidades galegas en relación ao resto de Universidades Públicas Presenciais Españolas (UPPE).

Por elo, acordouse tomar como base os indicadores definidos nos diferentes plans de avaliación da calidade universitaria e aplicalos, con certas modificacións aos distintos servizos ofertados polas universidades, fundamentalmente, á formación de grao e de postgrao e á investigación.

En cada unha destas análises quíxose manter sempre un enfoque dual, isto é, abordouse o estudo da calidade a través da perspectiva interna (desde as universidades que ofrecen os seus servizos) e externa (desde os demandantes de tales servizos).

Tras unha introdución, prantéxase o concepto e repercusión da calidade na educación universitaria. Este debate xunto coa descrición da metodoloxía empregada ao longo do traballo integran o capítulo segundo. No terceiro capítulo expóñense os esforzos públicos en materia de calidade no SUG.

No cuarto capítulo analízase a situación da educación superior en España desde unha óptica comparada, con especial tratamento ao marco da OCDE.

O quinto capítulo introduce o contexto socioeconómico e educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, para comezar no capítulo sexto coa análise da calidade do SUG a través dun conxunto de indicadores de oferta e demanda.

A continuación, o estudo céntrase na análise dos recursos do SUG, tanto dos recursos materiais e humanos, capítulo sétimo, como dos recursos orzamentarios, capítulo oitavo, salientando o vínculo existente entre financiamento e calidade. Pola súa parte, o capítulo noveno recolle os principais indicadores dos resultados do SUG.

Todos estes epígrafes prantexan ao final un conxunto de recapitulacións, resumidas no décimo capítulo, onde se expoñen liñas de actuación de mellora na calidade do SUG.

En definitiva, este traballo non pretende establecer un ranking entre as universidades ou titulacións do SUG. Acudir á crítica sería demasiado doado e dende logo non é o obxectivo da redacción deste informe. O interese céntrase en sinalar que aspectos deben ser mellorados para ser competitivos. Só desta forma Galicia ofrecerá unha Universidade de calidade, áxil, dinámica e capaz de adaptarse aos novos retos do século XXI.

INDICADORES DE RESULTADOS

Merece particular atención o devandito capítulo noveno, no que se indica que o SUG se comporta en termos xerais dun modo similar ás UPPE, isto é, xera o “mesmo” tipo de titulados en aproximadamente o “mesmo” tempo.

Non obstante, existen diferenzas significativas entre as tres universidades, consecuencia fundamentalmente da súa “especialización”, aspecto que xa se comentou ao analizar a oferta e a demanda de grao.

Chama a atención que a duración real dos estudos en determinadas ramas do coñecemento (léase ensinanzas Técnicas de ciclo curto), sexa moi superior á súa duración teórica. O retraso dos alumnos, así como o abandono dos seus estudos, implica que a sociedade ten que investir maiores cantidades de recursos para “producir” un graduado.

A modo de exemplo no ano 2000 as estimacións dos custes de abandono representaron o 6,5% e o 9%, respectivamente, dos presupostos da Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo para o 2002.

Estas cifras serven para que todos os axentes implicados no proceso educativo tomen conciencia da importancia económica da “non calidade”. Por suposto, estes custes son soportados, en parte, pola familia do estudante, que realiza un esforzo financeiro para que os seus fillos accedan a unha educación universitaria. Non obstante, é preciso sinalar que o maior esforzo corresponde a Administración, que aporta o 80 por cento dos recursos dos campus universitarios.

Pola súa parte, a formación de postgrao e a investigación son actividades que cada vez cobran maior importancia dentro das universidades e, por suposto, dentro dos seus presupostos.

ACREDITACIÓN DO PROFESORADO

En canto ao proceso de acreditación docente, Eugenio Muñoz explicou que tanto a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, como o Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, esixen para a contratación de profesores axudantes doutores, profesores colaboradores e profesores contratados doutores polas universidades públicas previa avaliación positiva ou informe favorable da súa actividade docente e investigadora.

Así mesmo, o artigo 72 da citada Lei orgánica establece que polo menos o 25 por cento do profesorado das universidades privadas debe estar en posesión do título de doutor e, ademais, ter obtida tamén esta avaliación positiva ou informe favorable da súa actividade docente e investigadora.

Estas funcións de avaliación son, a través do artigo 31 da LOU, atribuídas á Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad ou ao órgano de avaliación que a Lei das comunidades autónomas determine. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia asume estas competencias, dentro do ámbito da comunidade galega.

Así, no caso de proceso presentado, cabe dicir que no DOG número 210, do 28 de outubro de 2004, publicouse a Resolución do 21 de outubro de 2004 pola que se aprobou a convocatoria ordinaria para a avaliación ou informe para a contratación como profesor universitario polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia e abriuse o prazo para a presentación de solicitudes.

En total presentáronse 600 interesados, que formularon 1.335 solicitudes, dado que cada un deles podía solicitar varias figuras. A porcentaxe final de avaliacións favorables foi dun 77,3 por cento. Por figuras, a avaliación favorable distribuíuse da seguinte forma: contratado doutor, 63,3 por cento; axudante doutor, 89 por cento; colaborador, 18,7 por cento; e para a universidade privada, 62,3 por cento.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia