Skip to main content

A librería Valín Libros abre o primeiro de maio una exposición de exemplares da revista Vida Gallega

A dirección de Valín Libros, no quinto aniversario do nacemento da libraría, organiza diversos actos de carácter público para dar a coñecer os seus fondos e facer participe á cidadanía do valor que teñen as publicacións para afondar no coñecemento e contraste da nosa historia.

Nesta ocasión, quere mostrar material da súa colección privada do que foi unha das publicacións máis importantes, non so para os galegos residentes no País, senón tamén para os galegos da diáspora, maiormente desprazados nos países latinoamericanos. Referímonos, claro está, á revista Vida Gallega. A exposición farase nos escaparates da libraría, na rúa San Roque, 32 baixo, e o responsable da mesma, José Valín, estará o dispor de quen desexe coñecer ou ampliar algún detalle referente a dita mostra, que permanecerá aberta ate o día 17 de maio.

Primeira.- Ano 1904. Centrada na cidade de Vigo, onde naceu como suplemento ou como número extra do xornal Noticiero de Vigo, do que é director o propio Jaime Solá Mestre. Nos catro números que apareceron en este formato pode o lector atopar as firmas de, por exemplo, Emilia Pardo Bazán, Juan Fernández Latorre, Alfredo Vicenti, José Lombardero, Prudencio Landín, ou unha crónica completa do xornal La Idea Moderna de Lugo. O lector pode informarse y entreterse cunha ampla e variada información nos catro números que apareceron neste formato.

Segunda.- Entre 1909 y 1938, sede en Vigo. Fai un gran esforzo para se converter nunha publicación de referencia; coida as ilustracións e as fotografías e mesmo a propia publicidade. Pasa a ter un gran prestixio pola súa calidade, obviamente reforzada polas plumas dos redactores e colaboradores; o servizo a Galicia e aos galegos é o principio de ser da revista. Esta resulta ser a etapa máis fecunda de Vida Gallega, na que se editaron case que setecentos números nos que escribiron e ilustraron as súas portadas e páxinas persoeiros tan relevantes como Castelao, Padín, Cebreiro, Murguía, Pardo Bazán, etcétera.

Terceira.- Pode definirse como a segunda vida de Vida Gallega, que vai dende o ano 1939 ate o ano 1963 e ten como editor a Xosé Iglesias Presa, un empresario da comunicación afincado en Lugo que fora conselleiro-delegado no xornal El Pueblo Gallego, á vez que editor da revista poética Alba. A revista pasa en silencio ate a súa reaparición no ano 1954, momento no que recolle a toda a intelectualidade do momento, con nomes que se integran na revista como os de Paco del Riego, Otero Pedrayo, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Antón Fraguas, Paz Andrade, Urbano Lugrís, Luz Pozo Garza ou Leandro Carré…

Cuarta.- No ano 1940 morre Jaime Solá Mestre, o fundador de esta publicación, como dixemos, e Vida Galega garda silencio ate 1954. Pero o dato máis chamativo é que no ano 1956 a revista pasa a ter a súa sede editorial na cidade de Lugo, parece ser que nun dos chalés das chamadas “Casas Baratas” e alí permanecerá ate o ano 1962.

Quinta.- A partir da data sinalada anteriormente a revista pasa a ser editada nos talleres de impresión do xornal Faro de Vigo, foron sete os números editados ate o seu fin, sendo o último na primavera de 1963, sendo o director da publicación en esta etapa o mindoniense Álvaro Cunqueiro.
Librería Valín