Skip to main content

A I Xeira CLARIAH-GAL xunta en Compostela os grupos galegos que investigan no eido das humanidades dixitais

Enmarcado neste proxecto sitúase o nodo galego, que pretende difundir as iniciativas de humanidades dixitais e de tecnoloxías lingüísticas para a investigación en humanidades e ciencias sociais emprendidas en Galicia, e que este xoves se presentou en Santiago no marco da I Xeira CLARIAH-GAL.

Este primeiro encontro contou coa presenza do coordinador de CLARIAH-ES e profesor da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), German Rigau, que pronunciou un relatorio sobre os retos e as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial ás Humanidades Dixitais. Rigau, licenciado en Informática e doutor en Intelixencia Artificial pola Universidade Politécnica de Catalunya, é subdirector do Centro Vasco de Tecnoloxía Lingüística da UPV/EHU e coordinador estatal das infraestruturas de investigación europeas ESFRI CLARIN-ERIC e DARIAH-ERIC.

Aproveitar sinerxías

Os investigadores do ILG da USC e organizadores do encontro, Francisco Dubert e Xulio Sousa, explican que dentro do ámbito da Xeira entran campos como “literatura, historia da literatura, filosofía, historia e ata procesamento da linguaxe de signos” e que o obxectivo é “poñer en contacto as persoas que usan a tecnoloxía para a investigación en humanidades e ciencias sociais para facilitar e optimizar o desenvolvemento de proxectos e compartir recursos dixitais”.

Todos os países da Unión Europea e mesmo algún externo como Suíza forman xa parte das redes CLARIN e DARIAH, que se enmarcan na estratexia da UE para crear foros para as infraestruturas de investigación. Entre os proxectos realizados co apoio destas infraestruturas europeas figura ParlaMint, que se desenvolve no marco de CLARIN e cuxo obxectivo é a creación dun corpus de sesións parlamentarias multilingües comparables e homologadas e no que participa o consorcio español CLARIAH-ES e a través del a Universidade de Santiago.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)