Skip to main content

Arranca o proxecto europeo SEALabHaus liderado pola Universidade da Coruña

O evento foi inaugurado esta mañá por Miguel Abelleira, director da ETSAC; Marta Villaverde, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia; e Óscar Fuertes, e contou coa intervención de Alfonso Villares, Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, e de Sonia Vázquez Díaz, vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña.

A xornada supón o arranque do proxecto europeo SEALabHaus, liderado pola Universidade de A Coruña, co profesor Óscar Fuertes Dopico como investigador principal, e cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area 2021-27 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; co que reunirá na cidade aos representantes das 12 institucións socias do proxecto, procedentes de Irlanda, Francia, Portugal, Canarias e Galicia.

O proxecto SEALabHaus ten como obxectivo principal a creación dun laboratorio transnacional, unha plataforma que sirva para a interconexión e difusión de iniciativas que axuden a transformar, revitalizar e potenciar o ecosistema costeiro, a súa arquitectura, cultura, bens e profesións; en equilibrio co mar como factor clave de resiliencia, benestar e sostibilidade.

As arquitecturas do mar engloban as construcións litorais: fábricas de salgadura, fábricas baleeiras, fábricas conserveiras, serradoiros, carpinterías de ribeira, estaleiros tradicionais, cetarias, muíños de mareas e construcións adxectivas (ramplas, secadoiros ou casetas de pescadores, entre outros), entendidas como arquitecturas propias do seu lugar de orixe e de transición entre o mar e a terra que debuxan a paisaxe da costa. Polo tanto, este debate achega unha reflexión sobre a xestión do litoral no contexto da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).

O foro conta con arquitectos galegos de recoñecido prestixio, como Alfonso Penela; Juan Creus e Covadonga Carrasco; Óscar Fuertes e Iago Fernández Penedo, así como coa presentación de proxectos levados a cabo noutros puntos de España, tales como a restauración en Euskadi de casetas de pescadores do porto de Mutriku, a transformación dunha antiga cetaria en piscina de auga salgada en Tapia de Casariego (Asturias), ou a adecuación paisaxística da almadraba de Nueva Umbría en Lepe (Huelva).

O evento supón un espazo de reflexión sobre o poder rexenerativo que as intervencións nas arquitecturas do mar e a súa paisaxe asociada poden ter en relación coa conservación da memoria dun determinado lugar, a transmisión da cultura marítima, a proxección cara a novas xeracións ou a difusión e divulgación a través dun turismo sostible.
Universidade da Coruña (UDC)