Skip to main content

'De Petrarca a Cervantes', Filoloxía e Tradución inaugura unha exposición en lembranza de Francisco Rico

'Con esta exposición queremos amosar algunhas das facetas polas que hoxe, con tristura, recordámolo con todo o noso recoñecemento', explica o decano do centro, José Montero.

Catedrático da Universidad Autónoma de Barcelona durante catro décadas, Francisco Rico foi membro numerario de varias academias (Accademia Nazionale dei Lincei, British Academy, Real Academia Española) e posuidor dun sen fin de recoñecementos; entre outros, Premio Internacional Menéndez Pelayo (1998), Premio Nacional de Investigación Ramón Menéndez Pidal (2004), Premio Alfonso Reyes (2013), Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2015) e doutor honoris causa polas universidades de Valladolid (1996) e Boloña (2016).

Filólogo, investigador, editor do Quijote, director de coleccións...

Na exposición recórdase o seu labor desde distintos ámbitos, comezando polo de filólogo e investigador. Fano, neste caso, a partir dun dos números da revista Ínsula, dedicado integramente a el e que apareceu no mes de marzo deste mesmo ano. Xunto a este, recóllense tamén algúns dos seus libros máis significativos, incluídos unha selección das súas obras maiores dedicadas a Petrarca e Cervantes.

No seu papel como editor do Quijote, Montero lembra que a edición que dirixiu Francisco Rico constitúe un antes e un despois na historia editorial deste libro e constitúe o seu maior legado ao cervantismo. Neste senso, a exposición recolle distintas edicións destes libros, todas elas en dous volumes, publicadas en 1998 (Crítica), 2004 (Galaxia Gutenberg y Círculo de Lectores) e 2015 (Real Academia Española).

A estas facetas súmanse tamén a de director de coleccións, “de clásicos que foron -e seguen sendo- referentes”; a de editor de textos clásicos (La Celestina, El caballero de Olmedo, El desdén con el desdén, El poema del mío Cid...); historiador da literatura, “sendo guía e vademecum para quen estudamos literatura española nos anos oitenta e noventa do século pasado”, e mesmo personaxe literario en obras de autores como Javier Marías e Arturo Pérez Reverte.

As persoas interesadas en visitar a mostra poden facelo ata o venres día 31 na biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Universidade de Vigo (UVigo)