Skip to main content

Xestores dixitais dunha trintena de universidades debaten en Vigo sobre os fíos que tecen as redes sociais na comunicación institucional

Despois dunha primeira edición en Murcia, este ano a organización do evento corre a cargo da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Dende hoxe e ata mañá venres, 33 responsables da xestión das redes sociais de universidades españolas danse cita neste foro que se celebra no edificio Redeiras para analizar os retos, novas tendencias e boas prácticas relacionadas co uso das RRSS como “canles imprescindibles para manter unha comunicación aberta e fluída coa comunidade universitaria”.

O encontro foi inaugurado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e polo presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa. A responsable da organización deulle a benvida ás e aos asistentes e agradeceu o apoio do Consello Social para facer posible “esta reunión dos community manager das universidades españolas, que son a voz, o rostro oculto que está do outro lado das RRSS e dos soportes dixitais”. Valderrama recoñecía que ata hai relativamente pouco non se lle deba moita relevancia a estes medios, pero “as persoas que están hoxe aquí son moi importantes dentro dunha universidade”, porque se encargan de tecer redes cun perfil prioritario e primordial nas RRSS, o estudantado. A vicerreitora destacaba que os community manager “responden constantemente” as demandas dun grupo de poboación, o da xeración Z que, ao igual que os adolescentes de 12 a 17, “empregan as redes como buscador”, segundo se desprende un estudo IAB Spain presentado esta semana. Para Valderrama, este é un aspecto “moi interesante” e precisamente será un dos temas que se tratarán neste foro.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social recordaba que “entre os maiores obxectivos aos que debe aspirar unha universidade está o recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén, porque é aí onde se xogan os seus resultados e tamén os seus recursos, é onde está a base de todo o demais”. Para acadar este recoñecemento, Pedrosa considera esencial a visibilidade, “unha visibilidade que se consegue a través da comunicación”, convertendo as propias institucións “nun material informativo fluído e transparente para que a sociedade as entenda, as integre, as queira e as senta útiles”. Tamén trasladou o seu desexo de que exista “unha militancia” coa universidade, “para que se sinta como un patrimonio colectivo” e avogou por construír esta adhesión co “material de máis alta resistencia, o afecto, quizais o que máis precisan hoxe en día as universidades xunto co recoñecemento”.

Dous días e catro eixos temáticos

O encontro, que se desenvolve ao longo da xornada de hoxe xoves e na mañá deste venres, estrutúrase en catro eixos temáticos: Novas narrativas e tendencias; Como medimos en redes sociais?; Intelixencia artificial e Boas prácticas.

Tras o acto de apertura arrancou o primeiro dos bloques, da man de Ferrán Llunell, da Universitat Pompeu Fabra e Amparo Soriano, da Universitat Jaume I, que falaron sobre os novos horizontes na busca de información que van máis aló de Google; e de Pepa González Oliva, da Universidad de Castilla-La Mancha, que se centrou no presente, o futuro e a morte das redes sociais. A mañá completouse coa intervención de Mercè Guillén, da Universitat Oberta de Catalunya, que foi a encargada de falar sobre como medir as redes sociais.

A xornada de tarde trasládase ao campus e, tras unha visita ao Anfaco da Industria Conserveira, comezará a sesión sobre a intelixencia artificial, na que intervirán Itziar Romera Gómez, da UNED, que falará sobre IA e a as novas ferramentas informativas nas universidades e nos centros de investigación; e Emmanuel Joven, da axencia Bap Conde, que analizará o potencial da IA xenerativa para creadores de contidos. Tamén neste bloque tomará a palabra Javier Moñino, da Universidad Católica San Antonio de Murcia, para debater sobre Copilot como ferramenta para crear contido en redes sociais de universidades. O programa do hoxe pecharase coa intervención como conferenciante convidado de Pablo Vilar Pequeño, da axencia Marco, cun relatorio titulado Tempo real e mundo real: rapidez + contexto en RRSS.

Mañá venres o foro regresará ao edificio Redeiras, cunha sesión sobre boas prácticas na que se presentarán exemplos de traballos e propostas postos en marcha polas universidades participantes. Neste bloque, Rodolfo Martínez Gras, da Universidad de Alicante, presentará a II Enquisa a profesionales da comunicación en RRSS de universidades españolas, mentres que Itziar Romera Gómez, da UNED, falará sobre IA aplicada aos departamentos de comunicación e RRSS. Pola súa banda, Amparo Soriano, da Universitat Jaume I, presentará o proxecto ComuniCAUJI. Ambaixadores i ambaixadors del campus, mentres que a vicerreitora da UVigo, Mónica Valderrama, a miniserie de TikTok da UVigo, UVigoShow.

O encontro pecharase con outra conferencia convidada, desta volta, da man de Xiana Vidal, da Agencia trend, que falará sobre contido creativo en redes sociais.
Universidade de Vigo