Skip to main content

Arranca o ciclo de conferencias 'CITEEConto que facemos...!' na UDC co investigador Ramón y Cajal Pablo Guindos

A primeira actividade do ciclo terá lugar o xoves, día 30 de maio, ás 12:30 horas, na sala de visualización do CITEEC (Campus de Elviña) e será impartida por Pablo Guindos, investigador posdoutoral Ramón y Cajal no CITEEC, e versará sobre os avances na enxeñaría estrutural con madeira.

Pablo Guindos é enxeñeiro forestal e doutor en Enxeñaría da Madeira, en 2012 acadou unha bolsa de excelencia posdoutoral da Fundación Barrié para estudar as tecnoloxías estruturais da construción de edificios de madeira no Instituto Fraunhofer de Alemaña, país onde continuou a súa carreira como investigador e profesor adxunto na Hochschule Hildesheim ata 2016. No 2017 asume o cargo de profesor contratado na Pontificia Universidade Católica de Chile, promocionando en 2022 como profesor titular e regresando a España no 2024 como investigador Ramón y Cajal da UDC, na Escola Técnica Superior de Arquitectura.

O ciclo de conferencias continuará o 27 de xuño, e será Orlando García, investigador Juan de la Cierva, quen falará da modelización hidráulica para predicir o risco de inundacións. Está previsto que o se retome a actividade despois do verán, con novos relatorios aínda pendentes de confirmación.

Universidade da Coruña (UDC)