Skip to main content

Relacións Laborais financia con 420.708 euros a formación en prevención de riscos laborais de patronal e sindicatos

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 420.708 € a realización de cursos de prevención de riscos laborais para formar membros dos comités de seguridade e saúde, así como empresarios e traballadores designados que asuman a organización preventiva de riscos laborais no centro de traballo.

A colaboración entre Administración, sindicatos e patronal quedou recollida nun convenio asinado pola conselleira Belén Prado, os secretarios xerais de UGT-Galicia, CCOO e CIG e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

ACTIVIDADES

O convenio entre Xunta, patronal e sindicatos permitirá a organización de xornadas técnicas e seminarios de prevención de riscos laborais, cunha duración mínima de 6 e 5 horas, respectivamente. Tamén promoverá a impartición de cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico de 30 e 50 horas e cursos de prevención de nivel superior de 600 horas.

A Consellería de Asuntos Sociais considera de interese asinar este convenio coas principais centrais sindicais galegas e coa CEG dado que estas entidades teñen entre os seus fins a mellora das condicións de traballo, polo que lles corresponde unha especial relevancia na prevención de riscos laborais.

CAPACITACIÓN PRECISA

O obxectivo principal dos cursos, xornadas técnicas e seminarios que se organizarán ao abeiro deste acordo é facilitarlle aos participantes a capacitación precisa para desenvolver as funcións atribuídas pola Lei de prevención de riscos laborais; proporcionarlles os coñecementos para interpretar a lexislación e os seus deberes, obrigas e responsabilidades; fomentar a cultura da prevención na xestión empresarial; e facilitar as ferramentas básicas para avaliar, xestionar e controlar os riscos laborais.

As organizacións sindicais e empresariais desenvolverán as actividades necesarias para a realización das accións formativas, como publicidade, difusión, organización, relación con relatores, docentes e entidades especializadas, así como todas as xestións que se precisen para o cumprimento das medidas recollidas no convenio.

NORMATIVA VIXENTE

A normativa vixente sobre seguridade e saúde no traballo, constituída pola Lei de prevención de riscos laborais, oriéntase a garantir a seguridade e a saúde dos traballadores no ámbito laboral. A aplicación eficaz desta normativa supón a aplicación das técnicas e medidas preventivas axeitadas a cada situación de traballo.

Entre estas medidas, ten especial relevancia o coñecemento dos riscos e das medidas preventivas, obxectivo que só pode acadarse por medio da información e a formación dos traballadores sobre seguridade e saúde. Nesta tarefa, as organizacións empresariais e sindicais deben desenvolver un papel protagonista e determinante, tal e como se desprende da súa autonomía para establecer e modular o marco das relacións laborais. É precisamente por este motivo que a Xunta considera de interese colaborar con estas entidades no desenvolvemento do convenio.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia