Skip to main content

Relacións Laborais financia con 500.000 euros a contratación de técnicos en prevención de riscos

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais concederá axudas para a contratación de técnicos superiores en prevención de riscos tanto por parte das organizacións sindicais coma por parte das empresas máis representativas a nivel intersectorial. A este fin, o departamento autonómico destinará 100.000 euros en 2005. Ademais, a consellería financiará con 400.000 euros a contratación de técnicos en prevención nas pequenas e medianas empresas. As dúas ordes saen publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia.

No caso das axudas a sindicatos e grandes empresas, subvencionarase a contratación como máximo de dous técnicos por cada organización sindical e doutros seis para o total das organizacións empresariais. Cada contrato será subvencionado con 8.300 euros e terá unha duración de seis meses. Os contratados realizarán actividades de asistencia técnica, diagnoses e asesorías de sistemas de xestión de prevención de riscos ou actividades que permitan coñecer o nivel de seguridade en sectores específicos, entre outras.

PEMES

No caso das axudas á contratación de técnicos de prevención para as pequenas e medianas empresas, subvencionarase un único técnico por peme, concedendo unha axuda de 3.030 euros por técnico superior e 2.030 euros por técnico de nivel intermedio. A duración destes contratos será de tres meses.

O cometido dos técnicos será elaborar e implantar plans de autoprotección e emerxencias, elaborar estudos de adecuación de equipos de traballo á normativa vixente, implantar sistemas de xestión de riscos laborais e realizar auditorías neste campo, entre outros cometidos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia