Skip to main content

Familia financia a construcción e o equipamento de gardeirías en O Pino, Laracha, A Cañiza, Castro de Rei, Xinzo de Limia e A Peroxa

A conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo Noguera, asinou cos alcaldes dos concellos de O Pino e Laracha, Manuel Taboada Vigo, e José Manuel López Varela respectivamente, sendos convenios para a construcción de gardarías nos devanditos municipios. Así mesmo a titular de Familia acordou co alcalde de Ordes, Teodosio Martino, financiar o equipamento do centro de atención infantil desta localidade.

En O Pino, a Consellería de Familia aportará un total de 60.000 euros para a construcción do centro de atención á infancia que estará ubicado en Pedrouzo, na parroquia de Arca.

No caso de Laracha (A Coruña), a Xunta invertirá un total de 400.000 euros para a creación da escola infantil que se ubicará na rúa Río Anllóns.

Para acceder a esta financiación os concellos teñen que entregar a documentación e xustificación de pagos antes do 3 de novembro de 2005.

O acordo entre o alcalde de Ordes e a conselleira de Familia recolle que o departamento autonómico realizará unha achega de 18.000 euros ao municipio ordense para o equipamento da gardaría.

A CAÑIZA

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado realizará unha achega 364.000 euros ao concello de A Cañiza para financiar a construcción da gardaría nesta localidade, que terá un custo global de 459.000 euros. Así se reflicte no convenio asinado entre a titular de Familia, Pilar Rojo, e o alcalde de A Cañiza, César Mera.

No documento asinado esta mañá en Santiago recóllese que a subvención levarase a cabo en tres anualidades. No 2005 corresponderanlle 150.000 euros, en 2006, 50.000, e en 2007 os restantes 164.000. O concello terá que enviar á Xunta as xustificacións correspondentes antes do 3 de novembro para facer efectiva a financiación.

O centro terá un horario amplo, polo menos de 10 horas diarias ininterrumpidas, durante 5 días á semana e 11 meses ao ano.

CASTRO DE REI

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado financiará con 30.000 euros o equipamento da gardaría infantil do concello de Castro de Rei, segundo se recolle nun convenio asinado entre a conselleira de Familia, Pilar Rojo, e o alcalde da localidade lucense, Arturo Pereiro Vilariño.

No documento sinálase que o concello deberá presentar as xustificacións antes do 3 de novembro de 2005.

As instalacións terán un horario amplo, durante alomentos 10 horas diarias ininterrompidas, durante 5 días á semana, 11 meses ao ano.

XINZO DE LIMIA E A PEROXA

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado financiará as obras de construcción dunha gardaría en Xinzo de Limia (Ourense). Para levar a cabo este proxecto a conselleira de Familia, Pilar Rojo, e o alcalde de Xinzo de Limia, Isaac Vila Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración no que se recolle que o departamento autonómico aportará 405.000 euros, divididos en tres exercicios: 150.000 euros no 2005, 100.000 no 2006 e os restantes 155.000 no 2007.

Para acollerse á financiación a administración municipal deberá entregar as xustificacións antes do 3 de novembro de 2005. Así mesmo comprométese a abrir o centro nun amplo horario, polo menos 10 horas diarias ininterrompidas, durante cinco días á semana, 11 meses ao ano.

No caso de A Peroxa, a titular de Familia, Pilar Rojo, e o alcalde da vila ourensana, Manuel Seoane, asinaron un acordo para a construcción dun centro de atención á infancia, que estará ubicado na Finca Villermá. Para este fin o departamento autonómico aportará 60.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia