Skip to main content

Galicia é unha das comunidades españolas nas que está máis avanzada a xerencia única

Galicia é unha das comunidades españolas onde está máis avanzada a implantación da Xerencia Única. Así se puxo de manifesto no Foro Sanitario organizado pola Consellería de Sanidade da Rexión de Murcia, no que participaron responsables de Sanidade de distintas comunidades autónomas para abordar o tema Calidade e Eficiencia na Xestión Sanitaria. En representación de Galicia, acudiron o conselleiro de Sanidade, Xosé Manuel González Álvarez, o director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo García Iglesias, e o xerente do Medtec, Julio Villar Barreiro.

A Consellería de Sanidade está a realizar unha aposta decidida por modernizar a xestión sanitaria coa implantación da Xerencia Única, que xa é unha realidade na Área Sanitaria de Ferrol desde o pasado 1 de marzo. O seu obxectivo é estender este modelo organizativo, de xeito progresivo, ao resto das áreas de Galicia. A posta en marcha deste sistema organizativo responde a unha demanda dos profesionais sanitarios, que coinciden na necesidade de que exista unha total coordinación entre Atención Primaria e Especializada.

García Iglesias participou nunha mesa redonda sobre As xerencias de área, onde presentou unha ponencia baixo o título Calidade e Eficiencia na Xestión Sanitaria: As xerencias de Área. Na súa intervención, explicou que a Xerencia Única introduce por primeira vez unha organización por procesos asistenciais, baseada fundamentalmente en realizar toda a atención sanitaria -no ámbito preventivo, diagnóstico, terapéutico e de xestión- dunha forma interrelacionada e ordenada coa fin de incrementar a calidade de atención que reciben os pacientes. “A continuidade asistencial é elemento clave que determina a calidade dos servizos sanitarios”, explicou García Iglesias.

Nesta liña, o responsable da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde fixo referencia, durante a súa exposición, ao último informe da Organización Mundial da Saúde (OMS), que defende tamén a introdución de programas de saúde baseados na continuidade asistencial para mellorar a atención sanitaria, en lugar da fragmentación entre servizos que existe aínda en numerosos sistemas sanitarios do mundo.

García Iglesias explicou tamén que o novo modelo de organización sanitaria de Galicia deseñouse atendendo fundamentalmente as expectativas e necesidades dos usuarios, coa fin de lograr unha maior satisfacción da poboación no ámbito da sanidade. Sinalou que outro dos obxectivos fundamentais desta nova organización “é lograr a participación, implicación e satisfacción dos profesionais”, que están a ter un papel fundamental na consolidación da Xerencia Única.

Nesta xornada, dentro do apartado dedicado á eficiencia na xestión das organizacións sanitarias, participou tamén como relator, o director xerente do Instituto Galego de Medicina Técnica, (Medtec) Julio Villar Barreiro. Na sua intervención, espuxo os aspectos fundamentais que caracterizan a esa sociedade pública, como a súa autonomía de xestión, a alta productividade das súas unidades asistenciais, o compromiso e implicación dos profesionais na xestión, a actividade orientada ao paciente e o feito de que os servizos dependentes deste Instituto estean integrados funcionalmente e en total coordinación cos hospitais públicos nos que desenvolve a súa activivade.

O director de Medtec salientou que a autonomía de xestión con que conta esta organización do Sergas proporcionalle unha grande flexibilidade e a conseguinte capacidade de adaptación ás variacions da demanda asistencial, o que representa poder incorporar tecnoloxías necesarias no menor tempo posible, organizar a incorporación dos profesionais máis adecuados tamén dun modo áxil ou modificar os turnos de traballo e a organización, para axeitalos á demanda.

A reunión celebrada en Murcia enmárcase dentro dos chamados Foros Sanitarios que, promovidos por varias Comunidades Autónomas (Madrid, Castilla-León, Baleares, Murcia, Galicia, Comunidade Valenciana e La Rioja), están a tratar os temas de máximo interese para a saúde dos españois co obxectivo de propiciar un amplo debate para, deste xeito, trasladar as conclusións ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Estes foros foron creados co obxecto de debater en profundidade os grandes asuntos que afectan a sanidade, despois de que o Ministerio renunciara a asumir o seu papel de coordinación e liderazgo do Sistema Nacional de Saúde que lle corresponde.

REPRESENTACIÓN GALEGA EN LA RIOJA

O modelo de Xerencia Única de Galicia estase a converter nun referente para outras comunidades que están a por en marcha unha organización similar. Así, o director de Área de Ferrol, Juan José Fernández Ramos, e o subdirector xeral de Ordenación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Gómez Fernández, participaron hoxe na xornada Xerencia Única: Integración de Atención Primaria e Especializada, que reuniu en La Rioja a responsables sanitarios de distintas comunidades españolas.

Na súa intervención, Fernández Ramos salientou a importancia “primordial” das novas tecnoloxías para o cambio de organización sanitaria que está en marcha na área sanitaria ferrolá. Así, explicou que Galicia é a primeira comunidade en optar por un modelo de xestión sanitaria “que combina a organización por procesos coa incorporación de novas ferramentas que facilitan a súa posta en marcha”.

Mentres, o subdirector xeral de Ordenación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Gómez Fernández. Na súa intervención titulada Dirección de Área: Cara a un modelo de xestión integrada por procesos, explicou, de xeito pormenorizado, os obxectivos da reforma de xestión sanitaria implantada en Galicia.

Así, explicou que este novo modelo permite organizar a asistencia por procesos, de xeito que quede superada a actual separación entre Atención Primaria e Especializada. Outro dos obxectivos desta reforma é lograr unha atención integral, que garanta a continuidade asistencial de cada paciente e que permita superar a fragmentación por centros.
Gabinete de Comunicación Sergas (Xunta de Galicia)