Skip to main content

Preto de 1.000 ATS poderán escoller o seu posto de traballo fixo no Sergas

A Administración sanitaria galega publica o mércores 27 de abril de 2005, no Diario Oficial de Galicia, a Orde da Consellería de Sanidade pola que se convoca a fase de provisión da categoría de ATS/DUE, do Proceso Extraordinario de Consolidación de Emprego que está a levar a cabo o Sergas. A oferta total de prazas acada as 815, das que 233 son en hospitais e 582 en centros de saúde, distribuídas ao longo das catro provincias galegas. Cómpre subliñar que na solicitude realizada polo aspirante, ademais de reflectir a orde de preferencia dos centros, tamén poderá especificar o réxime de xornada ao que desexa optar, podendo seleccionar entre quenda de mañá ou tarde. Así mesmo, e como continuación da liña emprendida pola Consellería de Sanidade de fomento do uso das tecnoloxías da información, e en aras de ofrecer un mellor servizo tanto aos usuarios dos centros sanitarios como aos profesionais que alí traballan, o departamento que dirixe José Manuel González Álvarez ofrece a todos aqueles participantes, por vez primeira, a posibilidade de xerar a súa solicitude a través dun formulario web (www.sergas.es/plece).

A dita solicitude web poderán facela dende o seu domicilio ou ben dende calquera dos puntos operativos habilitados pola Consellería de Sanidade que se atopan nos centros hospitalarios públicos, nas xerencias de atención primaria, nas direccións provinciais do Sergas, nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, ou nos servizos centrais, onde contarán, ademais, con persoal cualificado adestrado no uso da ferramenta que clarexará calquera dúbida que puidera xurdir. Esta nova prestación o Sergas a fará extensible ao resto de categorías que quedan pendentes.

Este novidoso sistema facilitará a cumprimentación da solicitude dun xeito rápido e seguro, ofrecendo ao solicitante a información sobre as prazas dun modo claro e ordenado, dando incluso a posibilidade de realizar búsquedas máis precisas por municipios, quendas e tipos de prazas, ademais de permitir modificar e imprimir a selección de destinos realizada tantas veces como desexe, podendo, así mesmo, recuperar dita selección dende calquera ordenador conectado a Internet, a calquera hora do día, e durante o prazo de presentación de solicitudes.

GUÍA PARA A PARTICIPACIÓN

Ademais de todo o antedito, o Sergas pon a disposición de todos os interesados unha guía para a participación na Fase de Provisión do Proceso Extraordinario de Consolidación de Emprego, onde se recolle o xeito no que se debe cubrir a solicitude de participación en función do grupo ao que se pertenza e a categoría e a situación administrativa dende a que o solicitante accede ao proceso. Esta información pode descargarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Sinalar, por último, que o Sergas ten previsto publicar, o día 28, o listado provisional de admitidos á entrevista do Grupo Técnico da Función Administrativa e Técnico Superior en Organización e Administración Sanitaria; o día 29 o listado provisional de notas e destinos de técnico de saúde en atención primaria e o día 2 de maio os nomeamentos e prazos de toma de posesión de Psiquiatría.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)