Skip to main content

Educación presenta unha guía orientativa para favorecer a integración do alumnado inmigrante

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, presidiu a inauguración do Encontro sobre Inmigración e Educación en Galicia. No acto estivo acompañado polo director xeral de Centros e Ordenación Educativa, Alberto González Armesto.

Celso Currás salientou a importancia deste tipo de encontros nun intre no que cada vez máis hai procesos migratorios. Por tanto, o novo reto que ten que afrontar a escola pasa por adecuarse a interculturalidade para aprender a convivir nunha sociedade plural.

A escola, dixo o titular de Educación, debe ser unha peza básica para fomentar unha sociedade onde as relacións entre os homes e as mulleres das diferentes culturas se baseen no respecto, a tolerancia e a igualdade.

Currás tamén indicou a importancia que ten a publicación que se presenta, Plan de Acollida, como guía para que os centros educativos poidan dar resposta as necesidades específicas que presente o colectivo de alumnos inmigrantes.

O Plan de Acollida foi presentado por dous dos membros do grupo de traballo que o elaboraron, o asesor do centro de formación e recursos da Coruña, Gerardo Nistal Martiño, e a orientadora do CPI O Toural de Vilaboa, de Pontevedra, Cristina González Piñeiro.

PLAN DE ACOLLIDA

Neste Plan de Acollida recóllense un conxunto de accións encamiñadas á consecución de varios obxectivos entre os que se destacan a importancia que ten que os pais estean informados sobre o funcionamento dos centros educativos, que as escolas asuman o deseño e posta en práctica de respostas educativas para este alumnado inmigrante favorecendo a súa adaptación e fomentando actitudes de respecto cara este colectivo co fin de favorecer a integración.

Nesta publicación recóllense ademais unha serie de suxestións de actividades a desenvolver na aula, ben dirixidas ao alumnado estranxeiro especificamente (informar sobre a comunidade que os acolle, que eles dean a coñecer na clase a súa cultura ou creando situacións de comunicación) ou ben dirixidas a todo o alumnado (programando conferencias, vendo filmes onde se trate a inmigración, informando sobre determinados países, entre outras accións).

PROGRAMA

No Encontro sobre Inmigración e Educación en Galicia participaron importantes ponentes como a vicerreitora de Extensión Cultural da USC, Mar Lorenzo, que fixo un relatorio sobre “As familias inmigrantes e a acción educativa en Galicia”.

O subdirector de Ordenación Educativa da Xunta, Antonio Rivas xunto co xefe de servizo de programas de Acollida da Consellería de Emigración, Carlos Cortón, expuxeron a “Situación do alumnado procedente do estranxeiro en Galicia”.

Pola tarde diversas Asociacións (Galicia Acolle e Godwana) e administracións locais de Arteixo, na Coruña, e de Vilaboa, en Pontevedra exporán aos asistentes diversas iniciativas educativa que eles veñen desenvolvendo co fin de favorecer un intercambio de experiencias.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia