Skip to main content

A V Feira da Formación e o Emprego reunirá en Santiago a expertos no mercado laboral, empresas e demandantes de traballo

Galiemprego 2005 convertirá Santiago no punto de encontro de empresarios, administracións e demandantes de emprego. As xornadas, promovidas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, serán o marco dun debate sobre o mercado laboral protagonizado por representantes institucionais, axentes sociais e especialistas universitarios. Está previsto que visiten a feira máis de quince mil persoas.

A feira servirá, sobre todo, de marco informativo para os demandantes de traballo, que poderán coñecer de preto a realidade do mercado e os diferentes mecanismos postos á súa disposición para facilitarlles a búsqueda de emprego. O encontro, que se celebra no Pazo de Congresos, será inaugurado polo presidente da Xunta, Manuel Fraga.

Galiemprego comezará a súa andaina co relatorio inaugural do catedrático Luis Toharia Cortés, da universidade de Alcalá, que debuxará a situación actual do mercado laboral. Pola tarde, unha mesa redonda reunirá aos representantes dos servizos de emprego de varias Comunidades Autónomas, que intercambiarán as súas experiencias. O debate estará moderado polo director xeral de Formación e Colocación da Xunta, Odilo Martiñá. Posteriormente, os representantes do servizos de emprego de Italia, Reino Unido, Francia, Portugal e Holanda farán unha posta en común da situación a nivel europeo.

EXPOSITORES

Galiemprego 2005 contará cunha área de máis de 4.000 metros cadrados na que estarán presentes expositores de empresas que ofrecen emprego e onde os demandantes terán a oportunidade de contactar directamente cos seus responsables. A estes expositores sumaranse ademais outros de entidades e administracións que colaboran co Servicio Público de Emprego no desenvolvemento das diferentes actuacións nesta materia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia