Skip to main content

Belén Prado avoga polo intercambio de experiencias entre administracións en temas de emprego

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, reuniuse cos directores xerais da área de emprego de varias Comunidades Autónomas. Os representantes autonómico déronse cita en Santiago con motivo da xuntanza semestral que serve para debater ideas e intercambiar experiencias nesta materia. O encontro coincide coa véspera da inauguración da V Feira do Emprego e a Formación de Galicia, Galiemprego 2005, á que asistirán.

Belén Prado trasladoulles aos directores xerais o interese concreto da Xunta por intensificar o intercambio de experiencias con outras Administracións, o que constitúe un dos alicerces do recén presentado Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia. A conselleira informou aos representantes autonómicos das liñas xerais que contempla este proxecto, co que se pretende proporcionar unha atención máis personalizada a cada usuario e reducir o máximo posible a súa permanencia como demandantes de emprego.

A conselleira faloulles tamén do plan pola estabilidade e a calidade do emprego que o departamento que dirixe vén de presentarlles aos sindicatos. Neste sentido, Prado sinalou que só a través do diálogo cos axentes sociais pode a Administración acadar o obxectivo do pleno emprego.

AXENDA

Os directores xerais de emprego reúnense unha vez cada seis meses para intercambiar impresións sobre asuntos de actualidade referidos á súa área de traballo. Nesta ocasión, a xuntanza centrarase en tres asuntos: a reforma do mercado de traballo e as políticas activas de emprego; a formación continua dende a perspectiva das Comunidades Autónomas e as empresas; e a presentación de programas de boas prácticas. Neste último aspecto, debateranse dous proxectos: un plan de captación de traballo por parte dos servizos públicos de emprego e unha rede integrada de orientación laboral.

Xunto aos directores xerais, participan na xuntanza o profesor de Economía da Universidade de Alcalá de Henares Juan Francisco Jiménez, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade Autónoma de Madrid Santos Miguel Riesga e o director de relacións Laborais do grupo PSA-Citroen de Vigo, Miguel Ángel Puyme.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia