Skip to main content

Miles de galegos da colonia brasileira celebran o 120 aniversario da Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador de Bahía

O 120 aniversario da Real Sociedade Española de Beneficencia- Hospital Español de Salvador de Bahía conmemorouse cunha xuntanza masiva, que congregou a máis de mil persoas entre galegos, emigrantes doutras Comunidades Autónomas, e os seus descendentes, autoridades locais e españolas, así como personalidades do eido empresarial e sanitario do estado de Salvador de Bahía. Os actos conmemorativos leváronse a cabo nun céntrico hotel da cidade, preto das instalacións que a institución decana da diáspora ten na zona capitalina de Carrasco.
No desenrolo da cerimonia o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, quen acudíu en representación da Xunta de Galicia, fixo entrega dunha placa en nome da súa Consellería. Nela lémbrase a creación do centro nun xa afastado primeiro de xaneiro de 1885– que convirte á entidade nunha das máis antigas do mundo en activo- e faise alusión ó recoñecemento unánime á filantropía e entrega dos homes e mulleres da Real Sociedade Española de Beneficencia.
Ademais no acto o conselleiro transmitíu unha mensaxe de felicitación á entidade por 120 anos de camiñar ininterrompido e pola autenticidade dos fins da institución: o apoio recíproco e a solicitude cara os galegos alí onde se atopen.
Igualmente Miras Portugal definiu á Real Sociedade coma paradigma de unidade solidaria, decana centenaria e orgullo das nosas institucións na Emigración, así coma un exemplo para ese país- Brasil- e para calquera sociedade moderna, na que cunhas bases sólidas e solidarias, as meirandes fazañas son posibles. Como colofón alentou a reforza- los vencellos de cooperación entre o goberno galego e o Centro para ser capaces de aborda- lo futuro desde a converxencia de esforzos. Neste senso, fixo fincapé na proximidade da Xunta ás entidades galegas da emigración facendo alusión a unha Galicia que está con vós, aprende de vós e espera moito do que sodes capaces de aportar, sinalou Miras.

NUTRIDA REPRESENTACIÓN DE AUTORIDADES

No transcurso dos actos estivo presente ademais o cónsul de España en Salvador de Bahía, Juan Serrat, e autoridades locais como o actual prefeito da cidade, Joao Enrique Barradas, o gobernador, César Borges, ou o secretário de saúde do Estado, José Antônio Rodrigues Alves. Entre o resto dos convidados figuraban personalidades do eido sanitario e empresarial, ademais dunha nutrida representación dos socios da entidade- que se estima xunta actualmente a unhas catro mil persoas-.

DECANA INSTITUCIÓN NA VANGARDA MÉDICA

O carácter mutual- asistencial desta Real Sociedade Española de Beneficencia e a súa finalidade esencialmente filantrópica fan dela unha moi respectada entidade no ámbito institucional e da saúde en Salvador de Bahía.
Cando a maioría dos emigrantes españois residentes no estado brasileiro estaba formada por persoas de avanzada idade e sen recurso económico algún cos que afronta- los gastos derivados da asistencia médico- hospitalaria un grupo de galegos, gran parte deles da provincia de Pontevedra, tiveron a alta visión de futuro de crear a Sociedade de xeito totalmente altruísta e prestando asistencia sociosanitaria e internación a tódolos españois emigrados, independentemente de que foran socios ou non.
Hoxendía, o Hospital Español é un dos centros sanitarios máis modernos e mellor equipados de Bahía, ofrecendo servizos profesionalizados e sendo pioneiro en intervencións quirúrxicas mediante laparoscopia.
Gabinete de Comunicación de Emigración da Xunta de Galicia