Skip to main content

Declaración institucional con motivo do Día da Seguridade e Saúde no Traballo (28 de abril de 2005)

Soamente, desde o compromiso individual e colectivo poderá tutelarse dun xeito efectivo o dereito á vida e á integridade dos traballadores e traballadoras que conformamos a sociedade galega.

Para lograr este obxectivo é preciso consolidar e estender unha auténtica cultura da prevención de riscos laborais que debe basearse na coparticipación e o diálogo entre administracións públicas, empresarios, organizacións sindicais e traballadores, anticipándose aos permanentes cambios no eido socio-laboral.

Baixo estas premisas, a Xunta de Galicia, no desenvolvemento do Plan de Actuación na Área de Seguridade e Saúde Laboral, vén desenvolvendo políticas de promoción da prevención, de información e de formación dos traballadores, de asesoramento técnico aos empresarios e de control das condicións de seguridade con plans de actuación específicos destinados, prioritariamente, aos sectores de actividade económica cualificados de “alto risco”, ás pequenas e medianas empresas e, especificamente, a aquelas empresas que concentran uns maiores índices de sinistralidade.

Desde aquí, faise un chamamento ás empresas e traballadores para que o “principio de protección eficaz da saúde” nos centros de traballo sexa real, para o cal cómpre que a colaboración e entendemento no deseño da acción preventiva sexa un traballo en común.

Dar un pulo á acción preventiva indo máis alá dos meros cumprimentos formais, concibir a prevención como algo inherente ao propio traballo, asumir a idea de que a organización e a xestión preventiva constitúe hoxe unha demanda dunha sociedade como a galega, democrática e moderna.

Como non pode ser doutro xeito, o Consello da Xunta de Galicia manifesta a súa adhesión ás organizacións, entidades, colectivos e axentes sociais que celebran o día da seguridade e saúde no traballo, así como a súa vontade inequívoca de traballar xuntos a prol de que valores fundamentais que contribúan de xeito decisivo á integración definitiva da prevención no traballo en todos os ámbitos da sociedade galega.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia