Skip to main content

Medio Ambiente colabora na implantación dun programa piloto de desenvolvemento sostible na provincia ecuatoriana de Imbabura

A Consellería de Medio Ambiente está a colaborar na posta en marcha dun programa piloto para promover o desenvolvemento sostible na provincia ecuatoriana de Imbabura. O procedemento de elaboración deste plan segue o esquema habitual da Axenda 21 Escolar e na súa implantación tamén participan a Axencia Española de Cooperación Internacional, o Goberno Provincial de Imbabura, a Unidade de Desenvolvemento Norte (Udenor) e o programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento en Ecuador.

O director xeral de Desenvolvemento Sostible, Francisco Maseda Eimil, presentou en Santiago esta iniciativa, nun acto no que tamén asistiron os membros do grupo de traballo ecuatoriano que desenvolve o programa. No decurso do acto, Maseda salientou o carácter innovador e solidario desta iniciativa e reiterou o apoio por parte da Xunta de Galicia aos proxectos que, como este, contribúan ao progreso social e ambiental.

Á presentación do plan asistiron Gustavo Edison Pareja Cisneros, que ocupa o cargo de prefecto de Imbabura; Iván Enrique Paredes Valenzuela, profesor de Maxisterio e alcalde do goberno municipal de Pimampiro, en Imbabura; e Carlos Figuero Aguilar, co-director ata 2004 dun programa desenvolvido pola Axencia Española de Cooperación Internacional.

LIÑAS DE ACTUACIÓN

O plan de desenvolvemento local sostible para a provincia de Imbabura comezouse en marzo de 2004 e dispuxo, entre orzamentos e recursos materiais, dun total de máis de 190.000 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente achegou preto de 50.000 euros. Os promotores da iniciativa xa deseñaron o programa e as liñas de actuación determinantes, polo que na actualidade estase a proceder á divulgación deste programa na provincia de Imbabura. O obxectivo é achegar á poboación, ás administracións e ás entidades privadas as iniciativas recollidas neste programa para promover o seu coñecemento e potenciar a súa implantación.

No eido social as prioridades son garantir a protección dos dereitos da nenez e a adolescencia; desenvolver campañas de alfabetización masiva; mellorar a oferta de servizos de saúde; dotar de auga potable ao medio rural; e desenvolver medidas para afrontar situacións de violencia familiar. O compoñente económico centrarase na mellora do posicionamento dos produtos agropecuarios nos mercados; no apoio á creación de microempresas; na promoción de mecanismos de atracción de capital nacional e internacional; na promoción da oferta turística no eido nacional e internacional; e na reactivación da artesanía.

No tocante ás accións ambientais, o proxecto centrarase na racionalización do uso da auga de rego e no comezo do tratamento das augas; na implantación de sistemas de reciclaxe de residuos; no control da tala de especies forestais protexidas; e na aplicación de programas de reforestación.

Imbabura é unha provincia que ocupa 4.609 quilómetros cadrados na que viven máis de 344.000 habitantes. As difíciles condicións sociais e económicas da zona fan preciso que o programa de acción se centre nunha serie de actuacións prioritarias en distintos eidos.

PROXECTO SOCIAL E AMBIENTAL

A delegación ecuatoriana trasladouse a Galicia para coñecer de primeira man as experiencias en desenvolvemento sostible postas en marcha na comunidade. Nesta xornada foron recibidos polo vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, que se interesou polo desenvolvemento do proxecto e animou ao grupo de traballo a continuar co traballo para mellorar a calidade de vida e o medio natural da provincia de Imbabura.

A axenda programada para estes días incluíu unha visita ao concello de Burela (Lugo), o primeiro municipio de Galicia que elaborou a Axenda 21 Local e ao concello de Mondariz-Balneario (Pontevedra) onde este instrumento de xestión sostible está tamén rematado. Tamén se achegaron ata Vigo para manter un encontro co secretario xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, para coñecer as accións levadas a cabo no marco do programa Ambiente 21.

Os membros deste grupo de traballo tiveron a ocasión de facer un percorrido polo parque natural das Fragas do Eume, onde recibiron información sobre a xestión e conservación deste tipo de espazos naturais e sobre as iniciativas de divulgación da riqueza ambiental entre a poboación.

Con este programa de encontros e visitas a Xunta reafirma o seu compromiso a prol do desenvolvemento sostible, tanto no territorio galego como noutros países, especialmente naqueles que precisan dun apoio especial para acadar un progreso social e ambiental harmónico.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia